Aprobado no Consello de Ministros o Anteproxecto de Lei do sistema universitario

O Consello de Ministros envía ao Congreso a norma sobre o sistema universitario, sostendo que vai permitir mellorar a educación superior e crear un escenario para impulsar a innovación. Propón a participación das universidades en empresas que exploten o coñecemento que desenvolvan.
Os ministros Félix Bolaños, Isabel Rodríguez e Manuel Castells, despois do Consello de Ministros. (Foto: M. Fernández. POOL/ Europa Press)
photo_camera Os ministros Félix Bolaños, Isabel Rodríguez e Manuel Castells, despois do Consello de Ministros. (Foto: M. Fernández. POOL/ Europa Press)

Despois de dúas décadas era tempo de actualizar a norma sobre a educación superior, afirmou esta terza feira o ministro de Universidades, Manuel Castells, ao tempo que presentaba o Anteproxecto de Lei Orgánica do Sistema Universitario, que recibira a luz verde do Consello de Ministros pouco antes.

O contido do texto farase público a sexta feira, explicou o ministro, que defendeu que o obxectivo desta proposta é “mellorar a calidade” da universidade en todos os niveis: docencia, investigación e transferencia do coñecemento.

Despois dun ano e 70 consultas con “todos os órganos colexiados das universidades, reitores, axentes sociais e todos os grupos parlamentarios no Estado”, Castells salientou que procuran rematar co 21% de alumnado que abandona e axudar o 36% que precisa máis anos dos estipulados para acabar a carreira.

Un dos aspectos que impulsa a norma é o fomento da investigación, un 5% do gasto dos centros públicos e privados irá dirixido a investigación. “Para min, sen investigación non hai universidade”, apuntou, indicando que ademais, esta actividade suporá o 15% das novas prazas de traballo convocadas.

Castells confiou na súa intervención en que esta Lei facilitará a “recualificación e mobilidade do persoal universitario”, dentro da ampliación do “marco para innovación no ensino e docencia”, coma itinerarios abertos, títulos interdisciplinarios e interuniversitarios, incluso con universidades de fóra do Estado, ou a creación de figuras como a de docentes distinguidos, para atraer “talento internacional”. 

Financiamento 

Na lei contémplase, así como o financiamento institucional, unha aposta pola participación de mecenas e os títulos propios de cada centro para dotar de recursos económicos as universidades, incidindo nos réditos da creación de empresas participadas polos centros superiores e das patentes.

A lei tamén abre a porta a un novo sistema de elección do Reitorado, por medio dun comité de expertos.

O Goberno do Estado confirma 144 normas novas antes de final de ano

Na reunión do Consello de Ministros desta terza feira, aprobouse o informe de avaliación do Plan Normativo de 2020 e 2021, informou o ministro de Presidencia, Félix Bolaños, acompañado de Isabel Rodríguez, voceira do Goberno do Estado e ministra de Política Territorial, e Manuel Castells, ministro de Universidades.

Dos documentos, unha guía da planificación lexislativa do Executivo estatal, Bolaños destaca que o 87% dos obxectivos do bienio foron cumpridos a estas alturas, con 316 normas aprobadas en 2021 e 144 pendentes de recibir o visto e prace nos catro meses que restan de 2021.

Entre as medidas previstas, 50 delas corresponden a compromisos coa Unión Europea, sinalou, avanzando a aprobación da Lei de Formación Profesional, de ciencia, de vivenda e de 5G, amais da reforma laboral.

Comentarios