Aprobada a reforma do Código Penal no Senado sen as emendas paralizadas polo TC

O delito de sedición fica substituído polo de desordes públicos agravados após ser aprobada de forma definitiva a mudanza legal do Código Penal no Senado, coa exclusión das emendas cuxo debate e votación prohibiu o Constitucional.
O voceiro do Partido Popular no Senado, Javier Maroto, interviu onte no debate da mudanza no Código Penal. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera O voceiro do Partido Popular no Senado, Javier Maroto, interviu onte no debate da mudanza no Código Penal. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

O Senado deu luz verde a quinta feira á Proposición de lei da coalición gobernamental entre PSOE e Unidas Podemos (UP) que reforma o Código Penal, iso si, sen as emendas que modifican o sistema de elección dos xuíces do Tribunal Constitucional (TC) no seo do Consello Xeral do Poder Xudicial, paralizadas polo tribunal de garantías, que á última hora da cuarta feira rexeitou a impugnación do Senado e a recusación de dos maxistrados conservadores que perderán o seu posto en canto se efectúe a remuda, o que fora solicitado pola Fiscalía do TC.

A proposta derroga definitivamente o delito de sedición e modifica o de malversación, como exixiu Esquerra Republicana de Catalunya nas negociacións co Executivo estatal, por mor de que esta tipificación foi aproveitada para perseguir os líderes independentistas cataláns, co voto favorábel de PSOE, Esquerra, EH Bildu, Partido Nacionalista Vasco e Més per Mallorca, a abstención de Más País, Geroa Bai e Compromís, e o rexeitamento de Partido Popular, Vox, Ciudadanos, Unión del Pueblo Navarro,  Junts, Coalición Canaria, Teruel Existe, Partido Aragonesista e dous senadores non adscritos.

A eliminación do delito de sedición implica a súa substitución por outro de desordes públicos agravados, o que supón na práctica reducir as penas de prisión  máxima de 15 a 5 anos, e dunha potencial inhabilitación de 15 a 8 anos no caso de que sexan autoridades as responsábeis destas accións.

Con respecto á malversación, as penas se hai ánimo de lucro fican do mesmo xeito (entre 2 e 12 anos de cadea e entre 6 e 20 anos de inhabilitación). A norma introduce dous novos tipos penais, un de malversación sen ánimo de lucro para “usos privados” -con penas de 6 meses a 3 anos de prisión e inhabilitación de 1 a 4 anos- e outro no caso de malversación dirixida a un fin diferente do previsto, que comportará de 1 a 4 exercicios de cárcere e de 2 a 6 de inhabilitación. Este delito foi usado para condenar que o Executivo catalán usara fondos públicos para a organización dun plebiscito.

A pesar da reforma, non está claro até que punto influirá nas decisións xudiciais, cuxos órganos están copados polo de agora por maxistrados conservadores. Malia que o PSOE insiste en que os líderes independentistas condenados pola súa participación no referendo de autodeterminación de Catalunya de outubro de 2017 serían xulgados do mesmo xeito con esta lexislación, UP apuntou que ninguén “sería acusado ou xulgado” por eses acontecementos, mentres que o presidente catalán, Pere Aragonès, xa salientara que cando menos vai ser “máis difícil perseguir inxusta e arbitrariamente o independentismo”.

Arredor do delito de desordes públicas agravadas que substitúe a sedición, é “absolutamente innecesario, e torna delituosas condutas” que deberían formar parte do dereito de manifestación, critica unha vintena de organizacións políticas, sindicais e sociais progresistas da Galiza, que organizaron o 14 de decembro concentracións nas sete cidades en contra do novo tipo penal.

Esta medida “criminaliza e permite sancionar penalmente” formas de protesta social e política habituais, destacan, cuestionando que o texto legal sexa intencionalmente ambiguo para permitir “unha maior incriminación, dependendo da credibilidade que lle dea a Xustiza a quen presente a denuncia”, algo que consideran especialmente preocupante por mor do “maioritario comportamento pouco democrático da xudicatura do Estado español”.

Na noite da cuarta feira, o TC rexeitou a apelación do Senado contra a decisión da segunda feira, que lle prohibía debater e votar os cambios na elección da composición do tribunal. Máis unha vez, a maioría conservadora negouse a aceptar a recusación de dous xuíces que levan co mandato caducado desde xuño, incluído o presidente, Pedro González-Trevijano.

Asemade, Trevijano comunicou que non aceptará os candidatos aprobados polo Goberno estatal, o que lle obrigaría a abandonar o TC, defendendo -en contra da propia xurisprudencia do tribunal- que non o fará até que o Poder Xudicial designe os seus elixidos. O bloqueo dos conservadores neste órgano é precisamente o que buscaba resolver a reforma.

Paralelamente, a coalición gobernamental e os socios da investidura negocian a Proposición de lei que presentarán coas emendas vetadas polo TC, ratificando que será esta semana aínda que non se aborde no lexislativo até 2023.

Comentarios