INTERNACIONAL

O Congreso aproba a prórroga do estado de alarma até 24 de maio

Autoriza por cuarta vez que se manteña o estado de alarma. 178 votos a favor, 75 en contra e 97 abstencións. O Goberno español contou co apoio de PNV e Cs, entre outros partidos, e o BNG abstívose. 

 

Intervención de Pedro Sánchez no Congreso (Europa Press).
photo_camera Intervención de Pedro Sánchez no Congreso (Europa Press).

O Pleno do Congreso das Deputadas vén de aprobar a cuarta prórroga do estado de alarma decretado polo Goberno español pola pandemia do coronavirus, que levará as restricións até as cero horas do vindeiro 24 de maio.

Aínda que superou o limiar da maioría absoluta, esta nova ampliación tivo menos apoios que as anteriores posto que o PP pasou á abstención e Esquerra Republicana (ERC) ao bloque do 'non'.

O Executivo de Pedro Sánchez decretou o estado de alarma o pasado 14 de marzo para poder adoptar medidas extraordinarias contra a COVID-19 e cos acordos de última horas con Ciudadanos e o PNV manterá esas limitacións durante 15 días máis.

Menos apoios

A primeira prórroga, a do 23 de marzo, non tivo votos en contra; na segunda, o 9 de abril, opuxéronse Vox e a CUP (54 votos); a terceira, do día 22 dese mes, engadiuse Junts (62); e nesta última adheríronse ERC e Foro Asturias, o que elevou a 75 os votos en contra.

A pesar de aumentar o número de deputadas que se suman ao bloque do 'non' nesta nova ampliación do estado de alarma, o decreto de prórroga saíu adiante porque, ademais do PSOE e Unidas Podemos, tamén contou co respaldo de Ciudadanos, o PNV, Máis País, Compromís, Coalición Canaria, Nueva Canarias, o Partido Regionalista de Cantabria (PRC) e Teruel Existe.

Pola súa parte, o PP, que xa avanzou a principios de semana que non apoiaría prorrogar esta situación, decantouse finalmente pola abstención, do mesmo xeito que UPN (o seu socio electoral en Nafarroa), e o Bloque Nacionalista Galego (BNG), que optou por esta postura ao evidenciar que o Goberno traballa nunha liña "equivocada" e "centralizadora"

Decidir desde a Galiza

O deputado do BNG Néstor Rego subliñou que o BNG sempre tivo claro que "o obxectivo principal é salvar vidas" e que iso está "por diante de calquera obxectivo político". O nacionalista defendeu que o ámbito de decisión na fase de desconfinamento progresivo debe ser a Galiza.

“Fíxense en que estado colocaron a cuestión que, fronte a un Goberno de partidos que se din autonomistas (e de vez en cando mesmo federalistas) que se empecinan en centralizar, somos as forzas políticas soberanistas, que non estamos a favor do modelo autonómico porque o noso obxectivo é a soberanía das nosas nacións, as que estamos defendendo aquí as competencias autonómicas. No noso caso, non os xestores, senón as institucións nacionais do noso país, da Galiza", manifestou Rego.

Néstor Rego sinalou que os criterios marcados polo Executivo español evidencian o "descoñecemento da realidade da Galiza". "Temos unha forma diferente de habitar o territorio que nunca entenderon en Madrid e parece que este Goberno segue sen entender", destacou. 

Acordo co PNV

Así, houbo un total de 178 votos a favor, 75 en contra e 97 abstencións nesta votación para a que o Goberno precisaba unha maioría simple da Cámara. A presidenta do Congreso, Meritxell Batet, trasladou que 304 deputadas se acolleron ao procedemento de voto telemático e 47 estiveron presentes no hemiciclo. 

PSOE e Unidas Podemos aceptaron unha proposta do PNV para que o desconfinamento se decida de maneira compartida entre o Goberno e os diferentes territorios do Estado para lograr o apoio das nacionalistas vascas. Outra petición das nacionalistas foi a de poder convocar eleccións embora estar vixente o estado de alarma. 

Comentarios