Análise

A aprobación dos orzamentos marca a axenda estatal

Setembro será un mes chave para a elaboración da proposta de orzamentos. O presidente español prepara reunións ao longo da semana cos responsábeis das principais forzas da oposición e o Executivo continúa mirando a dereita económica e política para sacar adiante unhas contas condicionadas por Bruxelas.

pedro sánchez
photo_camera Pedro Sánchez e Pablo Iglesias en Moncloa nunha imaxe de arquivo. (Foto: LaMoncloa.gob.es)

Pedro Sánchez ten por diante unha intensa axenda de reunións cos líderes das forzas parlamentarias co obxectivo de testar a súa posición en relación cos orzamentos do vindeiro exercicio. A primeira desas citas decorre hoxe co presidente do Partido Popular, Pablo Casado, e vai ter continuidade nos próximos días cos responsábeis de Ciudadanos, ERC e PNV. Así e todo, Casado segue antepoñendo calquera pacto con Sánchez á exclusión de Unidas Podemos do Goberno de coalición. Porén, as fontes socialistas consideran que hai marxe para o acordo cos populares, actualmente sometidos a unha forte presión desde a patronal e desde o IBEX para apoiar as contas públicas.

A presenza de representantes das principais empresas do Estado e do máximo responsábel da CEOE, Antonio Garamendi, na palestra pronunciada por Pedro Sánchez a pasada segunda segunda feira é toda unha declaración de intencións do poder económico en relación cos orzamentos. A unha banda destaca o interese destes grupos en sacar adiante unhas contas que van recoller importantes axudas para as iniciativas empresariais promovidas desde o sector privado e en esquecer as relevantes propostas en materia social recollidas no acordo de goberno. Por outro lado deixa claro o apoio do empresariado a uns orzamentos que van responder ás súas orientacións económicas e que se van situar no marco da ortodoxia liberal esixida desde a Unión Europea.

Os socialistas miran á dereita para sacar adiante estes orzamentos. Neste sentido, o Goberno agarda contar co apoio dos deputados e deputadas de Ciudadanos, unha vez que a súa presidenta, Inés Arrimadas, expresase a súa vontade de colaboración, co obxectivo de restar influencia á denominada maioría da moción de censura. “Estamos nun momento crítico para a nosa economía e non podemos permitir que Iglesias, Otegui e Rufián repartan os fondos europeos”, afirmou Arrimadas nunhas declaracións que resumen os argumentos da patronal. Porén, Ciudadanos só conta con 10 deputados, polo que a súa capacidade de influencia real é moi limitada.

Uns orzamentos virados á dereita

As declaracións de onte do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e da súa vicepresidenta, Carmen Calvo, insisten na idea duns orzamentos de amplo espectro virados á dereita. Así, o xefe do Executivo apostou en “antepor o ben común ao interese partidista”, na liña de afirmacións anteriores, e sinalou que “non podemos excluír ningún grupo destas conversacións”, nunha referencia clara á necesidade de acordos coa dereita parlamentaria. Máis explícita foi Carmen Calvo, quen fechou a posibilidade dun acordo con ERC, contradicindo as propias palabras de Sánchez e non deixou dúbida sobre a opción do Goberno.

Unidas Podemos vai asumir finalmente as posicións do PSOE. Malia as declaracións dos seus portavoces Rafael Mayoral e Isabel Serra a pasada sexta feira, onde expresaron a súa negativa a uns orzamentos apoiados por Ciudadanos, a formación morada está traballando man con man cos seus parceiros de Goberno na proposta de orzamentos. Onte mesmo, representantes do PSOE e de Unidas Podemos mantiveron unha reunión coa ministra socialista de Facenda, María Jesús Montero, e co dirixente de Podemos e secretario de Estado de Dereitos Sociais, Ignacio Álvarez, para fechar o borrador do anteproxecto das contas públicas.

As razóns desta mudanza no espazo de Unidas Podemos están asociadas ás diverxencias no interior da coalición e á súa debilidade política. A este respecto, o veto a Ciudadanos formulado polos morados non contaba co apoio de Esquerda Unida e do Partido Comunista de España, cuxos representantes no Goberno tiñan defendido previamente esa posibilidade.

Comentarios