Após a filtración da súa proposta de derrubar Iglesias, Bescansa renuncia a ir na candidatura

Bescansa responsabiliza a súa equipa da filtración dunha proposta de entente con Errejón para desprazar Pablo Iglesias do liderado de Podemos. A politóloga compostelá é a primeira vítima desta nova crise de Podemos: finalmente non concorrerá ás eleccións autonómicas en Madrid.

podemos bescansa echenique
photo_camera Bescansa, nun acto con Echenique

Un documento pendurado uns minutos en Telegrama basta para deitar fóra da carreira de Madrid a co-fundadora de Podemos Carolina Bescansa. O aparente desliz de deixar ver na rede de comunicación unha proposta para tombar Pablo Iglesias -supostamente pactada con Errejón- criou unha situación políticamente insustentábel para a politóloga. Errejón apresouse a se desmarcar do asunto. "Descoñecíao. É delirante e inapropriado". dixo. Bescansa, por súa parte, tamén puxo terra de por medio sobre o documento: "É un rascuño que nin sequera revisei".

É evidente que o documento foi filtrado á imprensa con intencionalidade política. As hipóteses aquí basicamente son dúas: que se fixese chegar aos meios para torpedear a entente Bescansa-Errejón ou que se deslizase esta información para inviabilizar a candidatura errejonista á comunidade autónoma de Madrid.

O aparato central do partido, controlado por Iglesias, lonxe de restar dramatismo ao episodio, falou da "extrema gravidade" do asunto. Até o ponto de non se desbotar o cenario de ruptura con Errejón, quen tería perdido a confianza do núcleo de dirección da formación morada.


 

Comentarios