O apoio á monarquía en mínimos históricos

55% da poboación do Estado aposta pola república segundo as últimas enquisas.

 

JUan Carlos Filpe VI Borbón monaqrquía (Europa Press)
photo_camera Xoán Carlos I e Carlos Filipe VI (Foto: Europa Press)

A saída de Juan Carlos de Borbón do Estado español é significativa da crise da monarquía. Mentres desde a Casa Real e desde os círculos de poder tentan recuperar apoios á institución con esta decisión, as enquisas apuntan nunha dirección diametralmente oposta. Os problemas da coroa veñen para quedarse.

O momento e a forma da saída do rei emérito do Estado español foi planificado até o mínimo detalle desde os aparatos do Estado. Se a renuncia de Felipe VI á herdanza do seu pai fíxose efectiva no mes de marzo, en pleno estado de alarma, a marcha de Juan Carlos I formalizouse no comezo da tempada estival, nun caso e outro coa intención  que as decisións pasasen desapercibidas  diante opinión pública. Porén, lonxe de conseguir pór freo á perda de apoios da monarquía e acadar unha mellora na súa percepción social, as enquisas sinalan a un forte deterioro da institución nos últimos meses e a un rexeitamento maioritario á forma na que o rei emérito comunica a súa marcha.

Un equipo de estudos demoscópicos que se ten ocupado da monarquía cando ningunha outra empresa preguntaba por ela, Electomanía acaba de facer público os dados dunha sondaxe sobre a coroa, unha parte da cal realizouse após a saída do rei emérito do Estado. A este respecto e interpelados polo contido do comunicado emitido pola Casa Real para dar conta da marcha de Juan Carlos I, 39,2% valórano moi mal, 20,6% mal, 23,5% ben e 12,1% moi ben. A declaración só ten o respaldo dos votantes de Vox, PP e Ciudadanos, sendo rexeitada polos das restantes forzas políticas, incluídos os do PSOE, malia a participación decisiva na operación da dirección deste partido.

As adhesións á monarquía desfondáronse nos últimos meses. Se á volta de abril 47,5% da poboación do Estado apostaba pola monarquía e 47% pola república, á altura de 4 de agosto os apoios a opción monárquica baixaban a 39,45% situándose os da república en 55,5%. A acusada perda do favor popular por parte da coroa neste último período non se pode  desligar de determinados factores conxunturais, porén a caída en  apoio social da monarquía é permanente na última década, até o punto que segundo o barómetro de Electomanía non vai superar en ningún momento desde 2018 o 51,7%.

Galiza é republicana

Os dados deste última enquisa de Electomanía sitúan á alternativa republicana en 55,5% dos apoios no conxunto do Estado. Asemade é maioritaria en Andalucía, Aragón, Asturias, Catalunya, Euskadi, Galiza, Nafarroa, Illes Balears e Pais Valencià, destacando o cambio de tendencia en Andalucía e Aragón, onde pasa a ser a primeira opción entre a cidadanía. Ao tempo as porcentaxes máis altas de rexeitamento á monarquía concéntranse na Galiza nas circunscrición de Pontevedra con 55,6% e na Coruña con 54,5% se ben a oposición á Coroa tamén resulta vencedora en Lugo con 49,1% e Ourense con 47,6%.

As nación sen Estado concentran os maiores apoios á proposta republicana, significándose ás porcentaxes de Euskadi con máis de 80% ou de Catalunya con preto de 75%

A variábel nacional e social determina a posición sobre a forma da xefatura do Estado. As nación sen Estado concentran os maiores apoios á proposta republicana, significándose ás porcentaxes de Euskadi con máis de 80% ou de Catalunya con preto de 75%, sendo os votantes das formacións nacionalistas os que máis rotundamente se manifestan ao respecto. Así, apostan pola república 98,1% dos electores de PNV, 93,6% de Bildu, 92,8% de ERC, 91,7% de Junts per Catalunya ou 91,8% do BNG. Ao tempo, a alternativa republicana é tamén maioritaria na esquerda, adheríndose a esta opción 92,9% dos votantes de Unidas Podemos e 76,2% do PSOE.

A proposta monárquica acada un respaldo de 39,45% no total estatal. A mesma resulta maioritaria en Cantabria, Castela e León, Castela-A Mancha, Madrid e Estremadura, se ben a poboación da circunscrición de Badaxoz declárase maioritariamente republicana. As porcentaxes máis elevadas de apoio a esta opción proceden dos votantes de Vox con 80,8%, do Partido Popular con 77,1% e de Ciudadanos con 55,1%. Precisamente, unha das cuestións que máis preocupa na Casa Real é a ausencia dunha base social de apoio transversal no nacional, no xeracional e no ideolóxico, significando a diferenza de comportamento entre a dirección do PSOE e o seu electorado.

60,5% da poboación considera necesario a celebración dun referendo respecto da forma de Estado. Malia o interese desde algúns círculos de poder por sinalar que esta proposta non fai parte das urxencias da sociedade, os dados fornecidos por esta sondaxe de Electomanía na liña doutras enquisas apuntan nunha dirección contraria. A totalidade dos votantes, agás os de Ciudadanos, Navarra Suma, Partido Popular e Vox apostan pola súa realización, sumando, por exemplo, no caso dos do BNG 97,0%. Neste sentido, os maiores apoios ao mesmo concéntranse, tamén, nas nacións sen Estado, onde a oposición á monarquía, como expresión da unidade estatal, acada unha cifras máis elevadas.

O rei non está nu

As  estruturas chaves do aparato do Estado, unha parte significativa do poder económico e un sector significativo da sociedade española, que ven nel o garante da unidade do Estado mantéñense a carón do rei, porén  as fendas no réxime institucionalizado no texto de 1978, onde a coroa aparece como clave de bóveda do edificio, non poden pasar de longo.

Comentarios