O apoio á independencia de Gales volve subir e alcanza o seu máximo histórico

A xestión da crise da pandemia da COVID-19 por parte do Goberno británico, en contraposición á exercida polas autoridades galesas, así como as incertezas da poboación ante o Brexit, son dúas das posíbeis causas do aumento en catro puntos no apoio á independencia, con cifras inéditas no país.
2020-agm-yescymru (1)
photo_camera A plataforma Yes Cymru ("Si", en inglés, e "Gales", en galés) formouse en 2014 e agrupa unhas 2.500 persoas e 40 organizacións do país (yes.cymru)

"Nos vindeiros anos haberá desenvolvementos moi significativos, incluídos os que se produzan como consecuencia do tipo de Brexit co que acabemos, así como a posibilidade da independencia de Escocia e dunha Irlanda unida. Cómpre pensarmos seriamente sobre o futuro de Gales".

Son palabras de Siôn Jobbins, presidente da plataforma independentista Yes Cymru, analizando os resultados dun novo estudo de opinión onde se reflicte que un cuarto dos votantes do país está a día de hoxe a favor da independencia do Reino Unido, a porcentaxe máis alta desde que se realizan estas sondaxes.

Elaborada por YouGov para a Universidade de Gales e a canle de televisión ITV, o estudo contou cunha mostra de 1.021 persoas, consultadas entre o 29 de maio e o 1 de xuño. "É unha excelente nova e confirma a tendencia doutras enquisas. Non é unha excepción", expresou Jobbins, segundo recolle Wales Online.

O apoio á independencia incrementouse en catro puntos, desde xaneiro, até o 25% actual, ao tempo que o 'Non' baixou en dous (54% agora). O resto das persoas consultadas, 21%, non se pronunciou: ou non votarían ou non saberían que votar en caso de haber unha consulta.

Os simpatizantes do partido nacionalista Plaid Cymru son quen maioritariamente apoia a opción secesionista, con 73% a favor e 17% en contra. Mais tamén ─en menor medida─ entre o resto das formacións políticas do arco parlamentario galés hai partidarios da independencia, unha circunstancia que salientou con "satisfacción" Jobbins.

Así, votarían polo 'Si' á independencia de Gales 29% do gobernante Partido Laborista (por 49% en contra); 29%, tamén, dos Liberal Demócratas (63%, en contra); e 10% do Partido Conservador (84%, en contra).

No debate político

A respecto da enquisa, o líder do Plaid Cymru, Adam Price, considerou que "a causa independentista galesa está agora no mainstream [no debate político]". "Coa crise do coronavirus evidenciando o caos e a inequidade que xacen no corazón do establishment de Westminster [o centro da política británica] non sorprende que sexamos testemuñas deste incremento no apoio a un Gales novo e independente, unha nación orgullosamente en pé e en control do seu propio futuro".

Pola súa banda, a portavoz do Plaid Cymru no Parlamento británico, Liz Saville Roberts, nun artigo en Nation Cymru sinalou: "Durante demasiado tempo, os partidarios da independencia de Gales foron desdeñados por fantasiosos, mesmo por inxenuos. Díxosenos, por parte dos unionistas convencidos do culto ao 'excepcionalismo británico', que eramos demasiado pobres, demasiado incompetentes ou demasiado pequenos para xestionar os nosos propios asuntos ou para decidir o noso futuro. Co Reino Unido, dísenos, somos parte de algo forte, estábel e fiábel. Porén, nos últimos anos ─mesmo nas últimas semanas─ mostróusenos que o Reino Unido é calquera cousa menos iso".

Votantes de 16 e 17 anos

Para a enquisa de YouGov non se tivo en conta a opinión dos votantes de 16 e 17 anos que, segundo anunciou o Goberno, xa se poden rexistrar no censo electoral desde a semana pasada. O Senedd (a Asemblea nacional) aprobou en novembro o seu dereito ao voto. Poderán facer uso del, por vez primeira, nas eleccións parlamentarias previstas para o 6 de maio de 2021. 

A sondaxe de YouGov reflicte que a poboación de entre 18 e 24 anos son as que máis a favor da independencia de Gales se mostran (34%, por 48% en contra). 

Na consulta independentista de 2014 en Escocia, esta faixa de idade foi unha das máis participativas, con arredor de 75% acudindo ás urnas. Non obstante, o maior apoio ao 'Si' deuse entre os votantes con idades comprendidas entre os 25 e os 49 anos.

Comentarios