América Latina

Ao rescate da lingua maia en México

O Congreso de Iucatán aproba por unanimidade o ensino obrigatorio da lingua maia nas escolas deste Estado federal de México.

linguas_orixinarias
photo_camera En México hai uns 7,4 millóns de falantes de linguas orixinarias [inali.gob.mex]

O Congreso de Iucatán aprobou por unanimidade o ensino e aprendizaxe obrigatorios da lingua maia nas escolas deste Estado federal de México. A súa introdución será gradual ante a falla de profesorado cualificado suficiente e á espera de que se aproben as partidas orzamentarias necesarias.

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística e Xeografía de México (Inegi, polas súas siglas en español), Iucatán figura entre os Estados do país con maior proporción de persoas indíxenas dentro da súa poboación. Isto é, máis de medio millón ─maiores de 5 anos─ dos máis de dous millóns habitantes con que conta este territorio administrativo. En total, en toda a península de Iucatán (que inclúe tamén os Estados de Quintana Roo e de Campeche), calcúlase que hai arredor de 780.000 falantes da lingua maia.

O Congreso local aprobou por unanimidade facer as reformas necesarias na constitución política do Estado (o seu estatuto de autonomía) para poder estabelecer a obrigatoriedade do ensino da lingua maia para todo o alumnado da educación básica, co obxectivo de rescatar e preservar esta lingua orixinaria.

A súa introdución farase de forma paulatina, a partir do curso escolar 2021-22, á espera de que o Congreso do Estado defina as partidas orzamentarias que se destinarán a este programa.

A Secretaría Estatal de Educación, encargada da coordinación do proxecto, sinalou que primeiro deberá haber un proceso de capacitación de docentes sobre o coñecemento da lingua así como o reforzo das súas capacidades de ensino, entre outras cuestións. 

Ko’on’ex Kanik Maaya

Esta é unha medida máis das tomadas nos últimos anos, como por exemplo o programa Ko’on’ex Kanik Maaya ("Imos aprender maia") destinada ás zonas urbanas. Os falantes da lingua maia concéntranse nas zonas rurais e, aquí, entre as persoas máis maiores. Mudar esta dobre característica sociolingüística é un dos obxectivos expostos no Congreso estatal.

escola

Durante o pasado curso 2018-19, 34.000 estudantes de educación infantil e de primaria recibiron docencia de linguas maias, dun total de algo máis de 300.000.

Un país con '68 voces, 68 corazóns'

En México existen 68 linguas orixinarias, usadas por 7,4 millóns de persoas (6,5% da poboación). As máis faladas son o náhuatl, o maia, o mixteco e o tsotsil, e camiñan paseniñamente cara á súa desaparición. Para outras como o ku’ahl e o kiliwa, de Baixa California; o awakateko, de Campeche; o mocho', de Chiapas, ou o zapoteco, de Mixtepec, o risco é inminente. 

Este ano 2019 foi declarado pola ONU como Ano Internacional das Linguas Indíxenas co fin de dar visibilidade e virar a situación. Neste sentido, como sinal de recoñecemento, a Cámara baixa do Congreso mexicano reserva os primeiros cinco minutos de cada sesión ordinaria á intervención dunha persoa falante orixinaria.

Outro proxecto impulsado neste marco de acción é 68 voces-68 corazones, unha serie animada de contos propios das comunidades orixinarias, narrados en cadansúa lingua, para visibilizar a riqueza cultural do país, ademais de eliminar a discriminación e enaltecer o orgullo de pertenza. Un proxecto que naceu segundo a súa autora, Gabriela Badillo, tras ler o poema de Miguel León-Portilla Cuando muere una lengua.

Comentarios