PABLO IGLESIAS ANTE O COMEZO DO PROCESO CONGRESUAL DE PODEMOS

Pablo Iglesias: “Ao poder interesaríalle moitísimo ter como adversario unha fronte de esquerdas”

Podemos abre o proceso que vai levar a esta organización a realizar o 15 de novembro a súa asemblea constitutiva como forza política.

pablo iglesias
photo_camera pablo iglesias

Podemos é neste momento un factor moi relevante na axenda política no Estado español, tanto que até hai inquéritos que apuntan a que, nunhas eventuais eleccións xerais, podería estar moi perto de superar o PSOE como segunda forza parlamentar.

Mais o calendario eleitoral máis próximo son as eleccións municipais de maio e a forma en que Podemos irá concorrer a estes comicios, unha das principais incógnitas. A este respeito, Pablo Iglesias afirma, nunha entrevista publicada esta segunda feira en NuevaTribuna.Es, que para Podemos “o escenario eleitoral crucial son as eleccións xerais que serán o momento eleitoral que marque a posibilidade de alterar o escenario político neste país”.

“Gostaría de que os cataláns fiquen [no Estado español], que podamos construír un país con eles”

Isto é, para Podemos o estratéxico son as xerais, as municipais son secundarias e a súa participación nelas está condicionada a optimizar os resultados que eventualmente a organización poda obter nas eleccións lexislativas. Mais en todo caso, e despois de caracterizar as municipais como un escenario “moi complexo”, Iglesias avanza por onde poden ir os tiros: “É posíbel que moitos actores favorábeis ao cambio pode que non estean o suficientemente atentos para comprender cales son as chaves de transformación do réxime neste momento [unha alusión que ten todo o aspecto de estar dirixida a Izquierda Unida]. Penso, nese sentido, que ao poder lle interesaría moitísimo ter como adversario unha fronte de esquerdas”. E engade: “O réxime estaría encantado de que o seu maior desafío fose unha coligazón de siglas que parecera unha fronte de esquerdas, iso a nós pareceríanos un erro”.

Unidade Popular

Entón? Cal é a opción de Podemos. Para Iglesias o fundamental sería a “unidade popular” por acima da unidade das siglas. O líder da organización emerxente avanza que dada a complexidade das eleccións municipais non se albisca unha solución universal para todos os concellos. “Os diferentes procesos e experiencias que se podan dar nos distintos ámbitos municipais e autonómicos son extremamente complexos, diferenciados e, portanto, difíceis de abordar de modo xeral. Non quero condicionar un debate que está en marcha”.

Iglesias, aliás, reiterou a súa xa coñecida tese de que a dialéctica política no Estado non se pode conxugar en termos de dereita-esquerda porque se se fai así o que se está é a favorecer a hexemonía do PP.

Na entrevista, Iglesias tamén é interpelado ao respeito do referendo autodeterminista de Catalunya. Evita fixar posición sobre o que votaría Podemos se a consulta se viñer a realizar -co argumento de que terá de ser a asemblea de novembro quen se pronunciar-, mas en calquer caso deixa ver que “gostaría de que os cataláns fiquen [no Estado español], que podamos construír un país con eles”. “Creo que pode existir unha identidade neste país plurinacional na que poda sentirse cómoda moita xente”, di.

Comentarios