Principio de acordo para que o Brexit non afecte á fronteira con Gibraltar

O Goberno do Reino Unido confirmou que se achegaron as posturas para “garantir a fluidez na fronteira”. O presidente do Executivo español, Pedro Sánchez, xa fala dun avance cara unha "prosperidade compartida".

Dominic Raab, ministro de Exteriores do Reino Unido. (Foto: Yui Mok / PA Wire / DPA)
photo_camera Dominic Raab, ministro de Exteriores do Reino Unido. (Foto: Yui Mok / PA Wire / DPA)

Ao límite da saída do Reino Unido da Unión Europea, o país e o Estado español chegaron a un principio de acordo para que non haxa problemas na fronteira con Gibraltar. Foi o propio ministro de Exteriores británico, Dominic Raab, quen informou do achegamento das posturas para “garantir a fluidez na fronteira”.

O representante do Reino Unido explicou que, acompañado do ministro principal do territorio, Fabian Picardo, logrou con España “un marco político que sente a base dun tratado separado entre Reino Unido e a UE”.

En calquera caso, o documento xurdido polo Brexit terá que pasar pola Comisión Europea para ter o aprobado e “comezar as negociacións do tratado formal”.

No período intermedio, ambas partes intentarán “mitigar os efectos da fin do período de transición sobre Gibraltar” sen causar prexuízos á cidadanía.

“Temos unha relación cálida e forte con España e estamos desexando construír sobre ela en 2021”, engadiu Raab, após agradecer o traballo da súa homóloga Arancha González Laya.

Esta anunciou que cae “a cancela” pola aplicación das normas do Acordo de Schengen. “Isto permite suprimir os controis”, incidiu a representante do Goberno do Estado español.

Após ter recibido esta nova, o presidente Pedro Sánchez empregou a súa conta de Twitter para explicar que o acordo “permitirá eliminar barreiras e avanzar cara unha zona de prosperidade compartida”.

Comentarios