O Goberno de Piñera critica a política de diálogo de Boric para o Wallmapu

O coordinador nacional de Seguridade na Macrozona Sur considera que "o pobo mapuche é un pobo pacífico", mais "outra cousa é o terrorismo" e "con iso non se dialoga".
EuropaPress_4210413_militares_quechereguas_araucania_chilena
photo_camera Militares en Quechereguas, na rexión chilena de La Araucanía (Foto: Héctor Andrade / AgenciaUno)

O coordinador nacional de Seguridade na Macrozona Sur, Pablo Urquízar, considerou onte que a decisión do presidente electo de Chile, Gabriel Boric, de non ampliar o estado de excepción nesta rexión "é non comprender o que esta a suceder".

Manifestábase así en relación ao "diálogo" proposto polo equipo de Boric como outra forma de enfocar o conflito mapuche nesta rexión baixo soberanía chilena, parte do territorio do Wallmapu.

"Non é un problema de diálogo cando estamos a falar de catro asasinatos nunha semana", subliñou Urquízar, que vinculou o conflito e a consecuente presenza militar nas rexións de Chile de La Araucanía, Los Lagos y Los Ríos co "crime organizado". "Con esas persoas non se dialoga", declarou en Radio Duna.

Para Urquízar, "o pobo mapuche é un pobo honesto, traballador, pacífico que quere o mellor desde a perspectiva da súa xente, mais outra cousa é o terrorismo, o narcotráfico e o crime organizado, e con iso non se dialoga", remarcou.

Ademais criticou que se xustifique que a violencia se estea a producir polas "lexítimas demandas" políticas, económicas e sociais deste pobo orixinario.

"Instrumentalización"

Neste sentido, argumentou que non ampliar o estado de excepción suporía a "instrumentalización" por parte de quen fan "abuso do terror" das "lexítimas demandas do pobo mapuche" a través dos delitos do narcotráfico, o roubo de madeira e o trafico de armas.

O Goberno electo anunciou hai unha semana que non ampliaría o estado de excepción que rexe nesta rexión desde mediados de outubro, e que se prolongou xa en sete ocasións, ao considerar que "non é sostíbel" e que non ofreceu os resultados desexados.

Comentarios