Anticorrupción garante a impunidade do rei emérito polos negocios que revelou Corinna

Que o rei emérito puidese cobrar comisións irregulares (obviamente non declaradas) por arranxar contratos de consorcios empresariais españois no estranxeiro non ten trascendencia penal se nos atemos á decisión da Fiscalía Anticorrupción de pedir o arquivo da peza que, baixo o nome de Carol, instrúe a Audiencia Nacional.

Juan Carlos I
photo_camera Juan Carlos Borbón

A Audiencia Nacional investiga as revelacións feitas por Corinna zu Sayn-Wittgentein, persoa intimamente ligada en tempos a Juan Carlos Borbón, nunha conversa co ex comisario de policía José Manuel Villarejo.

Esas pesquisas non teñen no que atinxe ao ex monarca relevancia penal, entende a Fiscalía Anti-Corrupción, órgao hierarquicamente dependente do poder executivo (isto é, da Moncloa) que, porén, si se reserva a posibilidade de investigar as transaccións financeiras internacionais sobre as que falan Corinna zu Sayn-Wittgentein e Villarejo.

Non hai posibilidade, porén, de que estas investigacións que toquen o pai de Felipe VI porque, lembran desde Anti-Corrupción, os feitos producíronse durante o seu reinado. De acordo coa Constitución española, o chefe de estado non é xudicialmente responsábel dos seus actos (isto é, ten impunidade total).

Nas conversas, Corinna zu Sayn-Wittgentein reférese a unha propiedade en Marrocos —un solar— que o monarca tería posto ao seu nome [coa intención de logo o recuperar] e ao cobro por parte do Borbón de comisións por ter realizado xestións para garantir a adxudicación dun contrato —o AVE á Meca— a un conglomerado empresarial español.

Sobre o solar marroquino, Anticorrupción salienta que "non existe ningún elemento que permita deducir que o terreno devandito procede dunha actividade ilícita", pois a titularidade a nome de Corinna zu Sayn-Wittgentein podería deberse non a un delito penal, senón a unha "hipotética elusión fiscal".

Comentarios