Anticorpos que neutralizan o virus, unha nova vía para tratar a COVID-19

Dous equipos científicos de estudos independentes, nos Países Baixos e en Israel, traballan para podelos usar como fármacos na curación da doenza.
laboratorio
photo_camera O proxecto israelí, aseguran, está nunha fase máis avanzada ( Óscar J.Barroso / Europa Press)

Dúas investigacións científicas independentes, unha desenvolvida nos Países Baixos e outra en Israel, foron capaces de producir no laboratorio anticorpos que neutralizan o coronavirus SARS-CoV-2. Isto permitiría usalos como fármacos para tratar a COVID-19, na liña do que xa se fai actualmente para combater outras enfermidades.

O equipo neerlandés, da Universidade de Utrecht, xerou un tipo de anticorpos monoclonais ─producidos por un só tipo de célula─ que neutralizaron o virus en cultivos. A investigación está na fase inicial do proceso de desenvolvemento de medicamentos, antes da investigación en animais e dos ensaios en humanos, segundo informou Nature Communications.

Para o estudo, que necesitará ser probado nun entorno clínico, utilizáronse retos xeneticamente modificados para producir diferentes anticorpos contra as proteínas do coronavirus.

Tras un proceso de selección posterior, o 47D11 ─que é como denominaron a este tipo de anticorpos─ mostrou ter actividade neutralizante, polo que posteriormente se reformateou para crear unha versión completamente humana.

Produción próxima

Pola súa banda, o Instituto de Israel para Investigación Biotecnolóxica, dependente do Ministerio de Defensa, tamén anunciou nas últimas horas que desenvolvera un anticorpo capaz de neutralizar o coronavirus. 

"De acordo cos investigadores do Instituto, encabezados polo profesor Shmuel Shapiro, a fase de desenvolvemento do anticorpo finalizou", asegurou nun comunicado de prensa.

Neste sentido, foi máis alá que os seus colegas da Universidade de Utrecht, e anunciou que xa están a preparar o rexistro da patente e que, proximamente, se porán en contacto coas a farmacéuticas para podelo producir a escala comercial.

No comunicado conxunto co ministerio, o centro de investigación explicou que o anticorpo desenvolvido ataca o virus nos enfermos e neutralízao.

Comentarios