Anticapitalistas sinala Podemos "parte da clase política" que antes impugnaba

O eruodeputado Miguel Urbán continuará na Eurocámara e Teresa Rodríguez encabezando Adelante Andalucía. 
Miguel Urbán é eurodeputado e un dos líderes de Anticapitalistas (Imaxe Europa Press)
photo_camera Miguel Urbán é eurodeputado e un dos líderes de Anticapitalistas (Imaxe Europa Press)

O eurodeputado de Podemos e referente de Anticapitalistas, Miguel Urbán, afirmou onte que a formación liderada por Pablo Iglesias abandonou as principais propostas do Podemos nado en 2014. "Quérense aceptar agora as devolucións en quente" sinalou Urbán, ao tempo que criticou que Iglesias non avogue por crear unha banca pública e si "por pagar a débeda do Estado".  

"Hai elementos que viñan no noso programa e que desaparecen porque non temos a maioría suficiente dentro deste Goberno", sinalou nunha entrevista. O domingo confirmouse que Anticapitalistas non estará na terceira asemblea de Podemos. Esta decisión foi tomada por unanimidade da dirección e prevese que sexa ratificada pola militancia en marzo.  

A intención é construír unha "forza que loite por cambiar o sistema" e que non se "conforme" co que hai, nin con entrar nun Goberno "baixo a dirección dun partido neoliberal como o PSOE", sinalaron nun comunicado no seu portal. 

Anticapitalistas cofundara Podemos en 2014 e na última asemblea de Vistalegre II conseguiran 13% de apoio. Porén, na actualidade o seu peso limítase a Adelante Andalucía (AA), a candidatura encabezada pola líder anticapitalista Teresa Rodríguez, que vén de renunciar á secretaria xeral de Podemos nese territorio. 

As 11 representantes de Anticapistalistas en AA no Parlamento andaluz non van deixar a acta, e Rodríguez quere seguir á fronte  deste espazo que naceu como coalición de IU con Podemos. Porén, ao ela non ser da formación morada, Podemos designará outra persoa para representar o partido nos órganos de dirección de AA. 

Nin Urbán deixa a acta na Eurocámara nin a anticapitalista Paula Quinteiro no Parlamento galego. Ela afirmou que foi na candidatura de En Marea fóra do cupo de Podemos. 

Comentarios