Anticapitalistas, o sector trotskista de Podemos, apresentará lista propia en Vistalegre 2

Pablo Iglesias fica polo momento sen o apoio que lle permitiu imporse a Errejón nas primarias madrileñas. Anticapitalistas decidiu apresentar lista e documento propios a Vistalegre II. Mais non cuestionan a continuidade de Iglesias como secretario xeral.

Anticapitalistas
photo_camera Asemblea de Anticapitalistas

Iglesias é válido como líder de Podemos, mais non a súa liña política. Iso é o que se deduce das declaracións de Miguel Urbán, referente principal de Anticapitalistas a El País en que anuncia que a súa corrente, de tendencia trotskista, apresentará un documento político e unha lista propia á dirección da formación morada. Non postularán un candidato alternativo a Iglesias para a secretaría xeral, órgao que se ventila nunha votación aparte.

"A nosa intención é ter unha lista propia de Podemos en Movimento (o nome da súa candidatura) neste Vistalegre. É o máis coherente", afirma Urbán, para quen "podemos chegar a acordos sobre temas concretos, mais iso non significa que teñamos que ir na mesma lista. Defender un Podemos unido non significa un Podemos uniforme".

Que peso ten Anticapitalistas?

Neste momento, e a xulgar pola recente consulta telemática sobre o sistema de votación do congreso do partido (a realizar en Madrid os próximos días 10, 11 e 12 de febreiro), a corrente representaría o 10,50 por cento das bases, face o 41 por cento do sector oficial nucleado arredor de Iglesias e o 39 por cento da tendencia crítica liderada por Errejón.

Que trazos diferencian a súa proposta política?

Urbán xustifica a apresentación dun documento político en que Podemos -e niso responsabiliza por igual Iglesias e Errejón- ten ido abandonado algunha das propostas básicas do núcleo programático co que irrumpiu na política española hai apenas tres anos: a realización dunha auditoria da débeda pública para ver que fracción dela debe ser impaga, o estabelecimento dunha renda universal, a nacionalización de sectores estratéxicos da economía e "a defensa de procesos constituíntes quer en Catalunya quer en Euskadi quer en Andalucía para ter un Estado plurinacional".

Como fica o taboleiro interno?

A decisión de Anticapitalistas supón unha ruptura momentánea da alianza que estabeleceu con Iglesias en Madrid. As consecuencias poden ser non pequenas, tendo en conta a debilidade en que ficou o líder do partido após se impor ao sector de Errejón por apenas o un por cento dos votos na consulta sobre o sistema de votación de Vistalegre II. Sen o respaldo da corrente trotskista, Errejón pode perfeitamente aspirar a derrotar a Iglesias na votación da dirección e do documento político. 

Comentarios