venres 28/01/22
Artur Mas, en liberdade sen fianza

Anna Gabriel opta tamén polo exilio

A ex parlamentar da CUP reedita a vía de Puigdemont e non comparecerá esta cuarta feira perante o xuíz Llarena. No canto de se deslocar a Bruxelas, ficará en Suíza. "Non irei a Madrid", declarou ao rotativo helvético Le Temps.

Captura de pantalla (40)
Anna Gabriel

O discurso de Gabriel é cuspidiño ao de Puigdemont: non se dan as condicións para ter un xuízo xusto no estado español, así que opta polo exilio. "Como non vou ter un xuízo xusto no meu país, procurei un no que poda protexer os meus direitos", dixo ao xornal suízo.

A parlamentar -actualmente profesora asociada de Historia do Direito na Universitat Autónoma de Barelona- estaba chamada a declarar esta cuarta feira perante o xuíz do Supremo Pablo Llarena baixo a acusación de ter perpetrado un delito de rebelión. De acordo co maxistrado, Anna Gabriel faría parte -canda Marta Rovira, Marta Pascal, Artur Mas e Neus Lloveras- dun presunto estado maior independentista que tería dirixido a insurrección contra España.

En declaracións á Radio Televisión de Suíza, a deputada mostrouse certa de que o Estado español demandará a súa extradición. "É Suíza quen debe decidir quer facer comigo", dixo, para a seguir considerar que "a extradición sería ilegal". Non habería ningunha base xurídica que sustentase a súa entrega ás autoridades españolas, afirma. Declara sentirse vítima dunha "persecución política" por parte de "tribunais que non son imparciais".

"Suíza non aceita extradicións por motivos políicos. Ese é o meu caso", afirma Anna Gabriel, quen non desbota pedir o asilo político no país helvético.

Artur Mas, sen medidas cautelares

E mentres os focos e a atención nas redes estaban postos en Anna Gabriel, Artur Mas, un dos líderes históricos do nacionalismo catalán, ex president da Generalitat, prestaba declaración por espazo de tres horas perante o xuíz do Tribunal Supremo Pablo Llarena.

MasParadoxalmente, foi Anna Gabriel e non Artur Mas -referente do PDeCAT- quen seguiu a vía Puigdemont, nova proba de que os cadros da antiga Convergència e o president exiliado en Bruxelas -embora seren compañeiros de organización- non están a despregar a mesma táctica no confronto co Estado.

Após a súa longa declaración, Mas foi posto en liberdade sen fianza e sen medidas cautelares polo xuíz, que mantén, porén, o cargo de rebelión contra o ex presidentedo PDeCAT, cargo que abandonou no mes de xaneiro. Llarena desatendeu as peticións da fiscalía e da acusación particular, o ultradireitista VOX, quen demandaban para o líder soberanista a imposición dunha fianza de 60.000 euros.

Llarena só impón a Mas a obriga de estar permanentemente localizado para unha eventual nova chamada a declarar. Tampouco o obriga a entregar o pasaporte nen a se presentar periodicamente perante un xulgado.

A foto de abaixo, de NacióDigital, recolle o momento de Mas chegar ao TS.

Noticia actualizada ás 12.53 h

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Anna Gabriel opta tamén polo exilio
comentarios