África

Cimbabue, relevo ou mudanza?

O novo presidente, Emmerson Mnangagwa, designou un goberno monocor integrado por membros da ZANU-PF e destacados mandos militares. A saída de Mugabe foi resultado dunha disputa no seo das elites dirixentes e non parece que vaia dar lugar a unha ruptura política. Mugabe foi o único presidente coñecido pola poboación desde a independencia de Cimbabue en 1980. Eis un extracto da información publicada no Sermos Galiza 275.

mugabe_angola nossa
photo_camera Robert Mugabe

5A recente toma de posesión dos vinte e un ministros, dous viceministros, dez ministros provinciais e un novo fiscal xefe foi o corolario da remuda no liderado de Cimbabue, após a saída do presidente Robert Mugabe. Unha renuncia que foi formalmente voluntaria mais na realidade forzada polo exército e pola fracción máis veterana da gobernante Unión Nacional Africana de Cimbabue - Fronte Patriótica (ZANU-PF), como resultado dunha trama palaciana no seo da propia formación e do aparello de Estado cando a muller de Mugabe, Grace, ameazaba con se facer co poder logo de ser designada vicepresidenta. O novo presidente, Emmerson Mnangagwa, é un histórico dirixente e até hai unha semana, un dos principais parceiros de Mugabe, e conta co apoio explícito da cúpula militar e mais coa beizón da China, un poderoso aliado da nación africana. Cimbabue, inmerso nunha profunda crise económica cunha inflación millonaria e ao borde da bancarrota, debrúzase sobre a era pos Mugabe coa perspectiva dun relevo que pouco ou nada ten de mudanza.

O relevo na presidencia ten sabor a continuidade. Emmerson Mnangagwa (75 anos), alcumado "crocodilo", é unha figura política de primeiro nivel no país desde 1995. Fixo parte de sucesivos gabinetes de Mugabe, asumindo as carteiras de ministro de Finanzas, portavoz da Asemblea, ministro de Vivenda Rural e Equipamento Social, ministro de Defensa e Vicepresidente. Deste último cargo foi cesado polo propio Mugabe (93) nun último movemento táctico o pasado 6 de novembro. Ese cesamento, interpretado como unha operación conducente a facilitar o acceso á presidencia do país de Grace Mugabe, que foi designada vicepresidenta, tería acelerado o pseudogolpe que ficaba latente desde meses antes. Sexa como for, Mnangagwa era de maneira clara o candidato natural a relevar a Mugabe no caso de que este demitise ou falecese. No seu acceso á presidencia xogou un papel determinante Constantine Chiwenga, xefe das forzas armadas.

No entanto, hai importantes sombras que acompañan a biografía do novo presidente. "Mnangagwa é amplamente impopular por mor da súa responsabilidade (e a súa negativa a recoñecela) nos masacres 'Gukhurahundi', entre 1982 e 1985, nos que morreron máis de 20 mil persoas nas provincias occidentais do país, na súa meirande parte membros da minoritaria etnia ndebele, cuxos disidentes armados cualificou de 'cascudas que precisaban dunha dose militar de DDT'; pola manipulación electoral de 2008; por asumir a presidencia do Comité de Operacións Conxuntas que dirixía en secreto o país, sabotando calquera iniciativa democrática; así como pola súa permisividade –como ministro de Defensa– ao saqueo xeneralizado e o contrabando de diamantes en 2008-2016", relata o analista en xeopolítica Patrick Bond.

[Podes ler a peza íntegra no Sermos Galiza 275, á venda na loxa e nos quiosques habituais]

Comentarios