ANA MIRANDA (BNG) FAI PARTE DA DELEGACIóN

A ALE visitará o campo de Calais onde residen máis de 4 mil refuxiad@s

Representantes da Alianza Libre Europea visitarán o campamento para persoas refuxiadas de Francia.

Banksy(1)
photo_camera [Imaxes Banksy]

Chámanlle 'A xungla' polas condicións que atinxen as persoas que se amorean no interior do campo de refuxiad@s de Calais (Francia). En total, unhas 4 mil , segundo os dados de ACNUR entre Calais e máis de 6.500 ao sumar as que se atopan no outro campamento do norte, Grande-Synthe.

Neste senso, unha delagación da Alianza Libre Europea (ALE) da que fai parte a portavoz do BNG en Bruxelas, Ana Miranda, visitará o campamento na segunda feira (15 de febreiro). “Europa presume de ter entre os seus valores supremos a dignidade das persoas, pero deixa que miles de seres humanos estean en condicións deplorables, incapaz de reaccionar a denuncias como a desaparición de 10.000 menores refuxiados. A inacción política da UE é unha vergoña intolerable”, denunciou Ana Miranda.

Ana Miranda visitará o campamento o 15 de febreiro

As condicións de insalubridade, das que advirte a propia ACNUR, que padecen nomeadamente as crianzas xunto coas agresións xenófobas das que están a ser branco, provocaron en novembro de 2015 o levantamento das persoas refuxiadas que foron duramente agredidas polas forzas policiais francesas que mesmo empregaron gases para as dispersar.

Aquela intervención policial foi denunciada polo artista urbano Banksy que pintou un mural ás portas da embaixada francesa en Londres na que adxuntou –através dun código QR-- a gravación da actuación policial.

Non era a primeira vez que o artista denunciaba a situación que atinxe Calais e o conxunto de persoas refuxiadas. Neste senso, outros traballos de Banksy puxeron o foco sobre esta cuestión política da man de murais sobre Steve Jobs, Os Miserábeis ou mesmo cunha reprodución do castelao de Disneyland Paris que localizou no campo de refuxiad@s francés.

Comentarios