Amplo seguimento do paro xeral en Catalunya contra a violencia policial do 1-O

Transporte, ensino, estiba, agricultura ou comercio están a secundar amplamente a convocatoria, así como a pequena e mediana empresa. Un total de 24 manifestacións cortaron estradas e autoestradas. Ducias de miles de persoas participan en mobilizacións en cidades e vilas do país. Centos concentráronse perante os colexios danados pola policía nas súas intervencións. 

catalunya greve @comitemanresa
photo_camera @comitemanresa

Un país parado para rexeitar a represión e violencia policial. Unha imaxe inédita en Europa. Mais tamén era inédita en Europa a imaxe de antidisturbios a mallar en colas de votantes. A greve xeral convocada por sindicatos alternativos e o paro nacional apoiado pola ‘Táboa democrática’ deixan unha terza feira que racha coa normalidade en Catalunya. O seguimento está a ser moi amplo, nomeadamente en sectores como a agricultura, a estiba (100%), o ensino, o comercio ou o transporte público, así como en pequenas e medianas empresas. Mercabarna, o polígono alimentar que concentra os mercados maioristas de Barcelona e contorna, non opera após decidir as 770 empresas que a integran secundar o paro.

Paro catalunya greve @iontelleria

As dúas principais factorías, Seat e Nissan, están a operar, mais a greve déixase notar noutros polígonos industriais, segundo CGT, CNT, COS, Intersindical- CSC e IAC. Hai naves e fábricas fechadas e levantáronse barricadas nalgúns accesos a polígonos. Ente as pequenas e medianas empresas, o seguimento abala entre 50 e 70&. 

Un total de 24 manifestacións ocuparon e cortaron estradas e autoestradas en diferentes partes da rede viaria catalá, provocando importantes retencións. Aliás, varios medios de comunicación cataláns tamén se sumaron ao paro, nomeadamente os dixitais, anunciando que só cubrirían a información relativa a esta cuestión. O portavoz do PP no Congreso dos Deputados, Rafael Hernando, cualificou de “nazi” a greve xeral en Catalunya e afirmou ter a impresión de que “ERC e CUP están desexando que haxa mortos”.

CGT greve catalunya

Concentracións

Centos de persoas tomaron parte tamén nas concentracións que decorreron nesta terza feira perante os colexios danados por Policía e Garda Civil nas súas intervencións para decomisar urnas e papeletas e evitar que a xente votase. ä porta destes centros e nas súas reixas, as persoas concentradas depositaron caraveis. 

Por outra parte, en Madrid convocouse unha cimeira de urxencia para analizar a situación da Garda Civil e Policía Nacional enviada a Catalunya con motivo do 1-O. En varias vilas a veciñanza exixíu que os axentes marchasen dos hoteis onde se hospedan. Un clamor que foi a máis após que, na noite do domingo, policías á paisana e armados con porras extensíbeis agredisen veciños en Calella.

tractorada greve catalunya

Diferentes sindicatos asinan un manifesto sindical en apoio á greve xeral convocada para o 3 de outubro en Catalunya. Defenden o dereito de autodeterminación e a decidir como saída “para unha experiencia democrática real”. CIG, ELA, LAB, CUT, Intersindical Valenciana, Intersindical Canaria, SAT, Colectivo Unitario de Trabajadores (CUT), ESK, CUT (Galiza), CSI, Confederación Intersindical, COS, STEILAS  e STEI.

Imaxes de @iontelleria, @Nació Digital

Comentarios