Borrar a fronteira do Miño e debuxar unha ponte de unión entre a Galiza e Portugal é o espírito de varios proxectos e iniciativas de cooperación transfronteiriza que os últimos anos se levaron a cabo entre ambos países e que a día de hoxe están dando importantes froitos, desenvolvendo a economía dos municipios da raia, mellorando os servizos e prestacións á veciñanza e fomentando os lazos de unión social e cultural.
A Deputación de Pontevedra tomou esta cuestión a serio desde hai catro anos e ollou o sur da Galiza e o norte de Portugal como un único territorio. O obxectivo está posto en sacar o máximo partido a todas as potencialidades que ten unha localización estratéxica como esta, situada entre as grandes cidades de Porto e Vigo, cunha lingua e cultura irmandada e con grande riqueza industrial.
Nese sentido puxéronse en marcha nos últimos anos múltiples accións desde a Deputación para o desenvolvemento económico e social da zona, resaltando pola cantidade de iniciativas que engloban os proxectos Smart Minho e Visit Río Minho.
Un dos artífices destes proxectos é o deputado provincial de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, quen tamén é membro do goberno municipal en Tomiño, un concello referente desde hai anos na cooperación transfronteiriza e que xunto a Vilanova de Cerveira forma unha eurocidade unida polo Miño.
As estratexias do Miño
A Estratexia de Cooperación Intelixente para o Río Minho Transfronteirizo-Smart Minho é un dos proxectos estrela lanzado pola Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho baixo obxectivo prioritario de estabelecer unha axenda común de cooperación para o territorio.
Cun orzamento total de 942.022,47 euros, o plan beneficia 26 municipios, dos cales 16 son da Galiza (pertencentes ás comarcas de Vigo, Baixo Miño e O Condado- Paradanta) e 10 sitúanse no norte de Portugal.
Estamos diante dunha zona que, por tanto, comprende 3312 quilómetros de extensión e que atinxe máis de 376.000 habitantes, constituíndo a fronteira ibérica máis poboada e a máis transitada, pois nela concéntrase o 47% do tránsito medio de vehículos entre o Estado español e o Estado portugués.
Dentro deste proxecto estase a desenvolver a Estratexia Río Minho Transfronteirizo 2030. Trátase polo de agora dun documento que se apresentará para precisamente marcar a folla de ruta de cooperación até o ano 2030.
Empregáronse moitos meses de traballo na súa elaboración e tivo unha implicación internacional a tres niveis: o institucional, contando co apoio das 26 cámaras municipais; o científico, xa que participaron as seis universidades públicas da Galiza e do norte de Portugal; e social, pois a elaboración da estratexia realizouse desde a base, favorecendo a participación da cidadanía a través da celebración de dous foros públicos, mesas de debate e enquisas de participación na web da estratexia.
Para superar as dificultades atopadas na implementación de proxectos no territorio transfronteirizo constituíuse a Agrupación Europea de Cooperación Territorial do Río Minho (AECT) en Valença en febreiro de 2018. Con ela creáronse servizos e equipamentos compartidos entre os concellos de ambas beiras do río.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 352 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]