Amnistía Internacional ve "desproporcionada" a prisión de Jordi Sànchez

A directora de AI en Europa Gauri Van Gulik pide a posta en liberdade do ex líder da ANC e cargo eleito de Junts per Catalunya. Esta fin de semana, Manuel Rivas instara a actuación do organismo internacional en relación coa situación que vive en prisión o ex conseller Joaquim Forn.

Jordi Sánchez e Jordi Cuixart.
photo_camera Jordi Sánchez e Jordi Cuixart, á súa chegada á Audiencia Nacional

Esta terza feira, o xuíz Llarena, nun novo auto de contido máis político do que xurídico, voltou a negar a liberdade a Jordi Sànchez, líder independentista encarcerado desde 16 de outubro de 2017. O maxistrado do Supremo argumenta que o preso mantén o seu "ideario soberanista", o que, embora ser "constitucionalmente válido", alimentaría o risco de reiteración delictiva. O que vén dicer Llarena é que nas actuais circunstancias políticas de Catalunya o soberanismo é potencialmente delictivo.

Fronte a esta visión de Llarena ergueu a voz esta terza feira unha organización até agora silente perante o conflito catalán. A directora de Aministía Internacional Gauri Van Gulik cualificou a continuidade de Sànchez en prisión de "excesiva e desproporcionada", sendo que restrinxe "o seu direito á liberdade de expresión e de reunión pacífica". Van Gulik pide a liberación imediata do líder independentista para non continuar a agravar a "inxustiza" do seu encarceramento.

Alén do máis, para Van Gulik as protestas contra operacións policiais, embora puidesen obstaculizar a acción dos corpos de seguridade do estado, en ningún caso serían constitutivas dos delitos de rebelión e sedición que se lles imputa aos líderes soberanistas.

Esta intervencion de AI prodúcese xusto uns días despois de Manuel Rivas, activista da organización, instar un pronunciamento da ong en relación á situación do preso político Joaquim Forn, cuxa prisión tamén foi confirmada por Llarena embora o dirixente independentista ter renunciado ao seu escano e terse comprometido a non vulnerar a Constitución española.

Comentarios