Amnistía Internacional saca á luz a violencia policial nos EUA

A organización non gobernamental considera que a Administración Trump camiña cara ao "autoritarismo" e que "está a redobrar a represión ao estilo militar contra os manifestantes".
EuropaPress_3244649_19_july_2020_us_portland_police_move_through_tear_gas_clouds_in_front_of
photo_camera Axentes das forzas de seguridade, nunha protesta en Portland (Nathan Howard / dpa)

Amnistía Internacional (AI) denunciou 125 incidentes de violencia policial contra manifestantes, persoal sanitario, xornalistas e membros de equipos de observación xudicial rexistrados nas protestas antirracistas dos Estados Unidos, enmarcadas no movemento Black Lives Matter. Fíxoo no informe O mundo está a mirar: violacións masivas dos dereitos dos manifestantes de Black Lives Matter publicado onte.

Os 125 incidentes rexistráronse en 40 estados e no Distrito de Columbia entre os meses de maio e de xuño, con base en máis de 50 entrevistas realizadas por AI, na análise sobre dereitos humanos e violencia policial "máis completo até a data".

As forzas de seguridade fixeron un uso "reiterado" da forza física, de sustancias químicas irritantes como o gas lacrimóxeno e os aerosois de pementa, e de proxectís de impacto cinético como táctica de primeiro recurso contra manifestantes pacíficos e non como resposta a ningún tipo de ameaza ou violencia reais. 

Tamén, recolle o informe, se cometeron violacións dos dereitos das persoas durante arrestos e detencións. En concreto, entre o 26 de maio e o 5 de xuño de 2020, Amnistía Internacional documentou polo menos seis incidentes en que a Policía usou porras e 13 en que empregou proxectís de impacto cinético como balas de goma.

Gas lacrimóxeno e Covid

Ademais houbo "numerosos casos de uso innecesario" de gas lacrimóxeno e aerosois de pementa "empregadas tamén da lei contra persoal médico, membros de equipos de observación xudicial e representantes de medios de comunicación", subliñou a organización, que considerou especialmente irresponsábel o seu uso durante a pandemia.

"Mentres os manifestantes saían á rúa con máscaras e tratando de manter a debida distancia física debido ao virus, a Policía disparaba gas lacrimóxeno e aerosois de pementa, aumentando o risco de problemas respiratorios e a liberación de partículas en suspensión que podían propagar o virus", dixo.

O investigador de AI Justin Mazzola criticou que a Administración Trump camiñe cara ao "autoritarismo". "Está a redobrar a represión ao estilo militar contra os manifestantes, coa defensa atroz do fiscal xeral, William Barr, do uso de tropas federais en Portland e a ameaza de despregar máis axentes noutras cidades".

Comentarios