Amnistía Internacional documenta "devolucións ilegais en masa" de persoas refuxiadas desde Turquía

"Turquía non é un país seguro", afirman, após rexistrar centos de devolucións entre elas crianzas soas e mulleres grávidas.

Fronteira sirio turca
photo_camera Imaxe da fronteira sirio turca

Após o Observatorio Sirio de Dereitos Humanos dar conta de, cando menos, 16 asasinatos de persoas refuxiadas na fronteira sirio-turca por parte do exército de Turquía, a organización Amnistía Internacional vén de facer pública unha investigación na que documenta "as devolucións ilegais e en masa de persoas refuxiadas sirias" desde Ankara. 

Até 58 mil persoas moran no campo de Atma na fronteira siria en condicións "atroces" sen auga potábel nen saneamento

Trátase dunha pescuda realizada na fronteira sur de Turquía onde se estaría "detendo e expulsando a Siria a grupos de arredor dun cento de homes, mulleres, crianzas sirias case a diario desde medidados de xaneiro". No concreto, Amnistía Internacional dá conta da expulsión dunha muller grávida con 8 meses de xestación e o seu compañeiro arredor do 3 de marzo de 2016, na provincia de Hatay. Viaxaban nun furgón xunto con outros 7 que trasportaban 14 persoas cada un o que sumaría 112 persoas refuxiadas sirias. Moitas delas, incluída a muller e o seu compañeiro, após seren devoltas a Siria moran no campo de Atma onde residían a finais de 2015 por volta de 58 mil persoas en condicións "atroces, sen auga corrente nen saneamento e cun suministro de alimentos totalmente inadecuado", explican. 

As expulsións forzosas son levadas a cabo pola policía turca e o exército en autobuses nos que viaxan centos de persoas

Tamén crianzas sen acompañamento foron expulsas forzosamente. No concreto unha persoa de 20 anos e as súas sobriñas de 11, 10 e 9 anos que chegaran había uns meses a Turquía e que non puideron rexistrarse porque as autoridades turcas lles dixeron que "era imposíbel", segundo relata Amnistía Internacional. Detiveron as cinco persoas nun parque infantil mentres xogaban, trasladáronas a unha comisaría e desde alí en autocarro ao paso fronteirizo con Siria. Segundo informou a familia das detidas a Amnistía Internacional durante a súa devolución ilegal foron deportadas por volta de 210 persoas máis trasladadas en autocarros da policía turca. 

Para alén das devolucións forzosas, Amnistía Internacional relata o endurecemento das restricións impostas ás persoas refuxiadas nos últimos meses o que "empurrou a xente ás mans dos traficantes" que obrigan a pagar "cando menos mil dólares estadounidenses por persoa para as introducir en Turquía". 

"Nos últimos meses Turquía introduciu requerimentos de visado para persoas sirias que chegan por vía aérea, fechou a súa fronteira con Siria para todas as persoas agás as que precisan atención médica de urxencia e disparou contra algunhas das que tentan entrar no país irregularmente", dixo John Dalhuisen, director para Europa e Asia Central da organización. 

Así as cousas, teñen documentado casos en que foi impedido o rexistro de persoas que precisaban cirurxía urxente, por exemplo no campo de Gaziantep. 

"Turquía non é un país seguro"
"Na súa desesperación por selas as súas fronteiras, os líderes da UE fixeron deliberadamente caso omiso dos feitos máis simples: Turquía non é un país seguro para as persoas refuxiadas sirias e cada día é un pouco menos seguro", dixo John Dalhuisen a respeito do acordo asinado entre o Consello europeo e Ankara. 

"[a UE] lonxe de presionar a Turquía para mellorar a protección que achega ás persoas refuxiadas sirias o que, na práctica, está facendo é incentivar o contrario"

"Para aplicar ese acordo, hay que ter corazón de pedra e un absoluto desprezo polo dereito internacional", acrecentou. "As devolucións en grande escala de persoas refuxiadas sirias que documentamos pon de manifesto os fatídicos defectos do acordo entre a UE e Turquía". Neste senso, subliñou, "[a UE] lonxe de presionar a Turquía para mellorar a protección que achega ás persoas refuxiadas sirias o que, na práctica, está facendo é incentivar o contrario", denunciou. "Parece sumamente probábel que, entre as últimas sete ou nove semanas, Turquía devolvese a Siria a varios miles de persoas". 

Así pois, advirten desde Amnistía Internacional, "se o acordo continúa adiante segundo o previsto existe un risco moi real de que algunhas das persoas que a UE devolva a Turquía corran a mesma sorte". 

Comentarios