As ameazas marcan o final da campaña electoral en Madrid

Xa nunha nova campaña despois da vaga de ameazas que comezou a semana pasada, as candidaturas do bloque progresista buscan activar ao electorado que aínda non ten definido o seu voto á vez que desenvolven un cordón sanitario contra a extrema dereita, que confía en gobernar xunto ao Partido Popular.
Un acto de campaña do PSOE en Xetafe. (Foto: Alejandro Martínez)
photo_camera Un acto de campaña do PSOE en Xetafe. (Foto: Alejandro Martínez / Europa Press)

Mañá féchase o prazo para a publicación de enquisas das eleccións do 4 de maio na Comunidade de Madrid, que amosan un escenario aínda aberto tanto para o bloque progresista como para a posibilidade de repetición dun acordo entre PP e Vox, do que desta ocasión ficaría excluído Ciudadanos, que non conseguiría o superar o 5% de voto mínimo para poder acceder a Asemblea de Madrid, segundo case todas as enquisas.

Esta campaña, que remata o vindeiro domingo, está marcada polas ameazas recibidas hai unha semana por Pablo Iglesias, ex vicepresidente do Goberno do Estado e candidato de Unidas Podemos á presidencia rexional; Fernando Grande-Marlaska, ministro do Interior; e María Gámez, directora da Garda Civil.

Estas cartas con balas no seu interior remataron cos debates de campaña despois de ter apoiado Ángel Gabilondo e Mónica García, candidatas do PSOE e Más Madrid respectivamente, a Pablo Iglesias no debate realizado na Cadena Ser, onde Rocío Monasterio, candidata de Vox, non quixo solidarizarse co candidato de Unidas Podemos, e mesmo cuestionou as ameazas.

Este modus operandi da extrema dereita, apoiado cunha campaña de desinformación dirixida a Pablo Iglesias e o Goberno do Estado, derivou nun proceso electoral atípico, no que a ausencia de debates e as restricións derivadas da Covid-19 convertérono nunha sucesión de declaracións intercaladas coas condenas pola vaga de ameazas vía postal ao longo da campaña.

O día seguinte de facerse públicas as primeiras ameazas era Reyes Maroto, ministra de Industria, Comercio e Turismo, quen recibía unha misiva cunha navalla con pingas de sangue. Ese mesmo día detíñase ao autor, un veciño do Escorial (Madrid) que puxera o seu nome e enderezo real no paquete coas ameazas á ministra.

Esta cuarta feira, detectáronse dúas novas cartas, unha dirixida a Isabel Díaz Ayuso e outra a nome de Gámez, directora da Garda Civil. Hoxe foi ao ex presidente do Estado, José Luis Rodríguez Zapatero, a quen se dirixía outra misiva con balas.

Mónica García: 'Ayuso ten que ir dopada de ultradereita para gañar'

A cinco días do remate da campaña electoral, o bloque progresista trata de mobilizar ao seu electorado. Mónica García, de Más Madrid, que segundo algunha das últimas sondaxes publicadas estaría preto de superar ao candidato do PSOE, atacou o posible pacto entre PP e Vox e advertiu que “nos enfrontamos a un goberno aínda máis escuro do que foron os gobernos do PP”.

Pola súa banda, Gabilondo quixo marcar espazo con Unidas Podemos, e resolveu que en ningún momento se comprometeu a integralo nun goberno alternativo ao do PP con Vox, “eu falei dun apoio, non falei doutra cousa” defendeu. Mentres, Iglesias denunciou a infiltración da extrema dereita no sistema de Xustiza, na Policía e na Garda Civil, e destacou que a súa formación condena os atentados persoais se dirixan a quen se dirixan.

Comentarios