As ameazas latentes no solo do Ártico

O quecemento global está a xerar un círculo vicioso que evidencia a gravidade da crise climática. No Ártico, onde a temperatura aumenta ao dobre de velocidade que no resto do planeta, o desxeo fai que o CO2 acumulado se desprenda, causando maior quecemento global. Mais non só, tamén se teme polos microbios que alberga no seu solo.
desxeo
photo_camera No permaxeo do Ártico acumúlase o dobre do dióxido de carbono que actualmente hai na atmosfera (un.org)

As emisións de gases de efecto invernadoiro continúan a aumentar e hoxe son 50% superiores ao nivel de finais do século XX; o quecemento global está a provocar cambios permanentes no sistema climático, con consecuencias irreversíbeis. 

O aumento da temperatura global provoca un círculo vicioso que pon de manifesto a gravidade da crise climática, unha situación que se fai máis evidente no Ártico. Diferentes estudos científicos publicados nos últimos anos mostran que o quecemento nesta rexión se produce ao dobre de velocidade que no resto do planeta e que xa se entrou nunha fase que non ten marcha atrás. 

Nas dúas últimas semanas, por exemplo, rexistráronse até 38 graos centígrados na cidade rusa de Verkhoyansk, en Siberia. E de xaneiro a maio, a temperatura no centro-norte da rexión foi duns oito graos centígrados por riba do habitual.

Aínda que da noite para a mañá se eliminasen todas as emisións de gases á atmosfera, o Ártico está xa "atrapado" nun aumento da temperatura invernal de entre 4 e 5 graos con respecto á década de 1990. Para 2030 calcúlase que non haberá xeo durante os veráns. Este desxeo causa tamén a acidificación dos océanos, con graves consecuencias para a biodiversidade.

CO2 no permaxeo

O Ártico ademais acumula cantidades inxentes de gases de efecto invernadoiro que, co desxeo, se deprenden á atmosfera contribuíndo a un maior quecemento global. Estes gases, principalmente dióxido de carbono (CO2), están provocados pola descomposición de plantas mortas e concéntranse no denominado permafrost ou permaxeo, a capa permanentemente conxelada nos niveis superficiais do solo.

No permaxeo do Ártico, que se comezou a desconxelar neste século por primeira vez desde a última glaciación, acumúlase o dobre do CO2 que actualmente hai na atmosfera e, segundo un artigo publicado en outubro de 2019 na revista Nature Climate Change, xa está a emitir máis dióxido de carbono adicional ─uns 600 millóns de toneladas─ do que 189 países, debido a que é incapaz de absorber todo o que se produce polo desxeo.

É o que o Programa das Nacións Unidas para o Ambiente chama "o xigante durmido". En marzo do ano pasado publicaba un informe alertando que de "espertar" tería uns efectos devastadores. Agora, unha nova investigación elaborada por un equipo da Universidade de San Diego (California, EUA) e publicada na revista Global Change Biology, apunta que as augas do desxeo primaveral se infiltran neste solo e desencadean unha nova produción de dióxido de carbono a un ritmo aínda maior do previamente estabelecido.

Virus e bacterias

Mais outras ameazas permanecen latentes no Ártico. Segundo alertan os expertos ambientais, o rápido aumento da temperatura na rexión tamén trae consigo a exposición de diferentes microorganismos, como virus e bacterias, que levan centos de miles de anos conxelados no permaxeo. Son patóxenos cos que o ser humano moderno nunca conviviu, sinalan na revista Unearthed, publicación que edita a ONG Greenpeace.

A idea de que as bacterias poden sobrevivir durante un longo período de tempo está aceptada entre a comunidade científica, mais fica for dilucidar canto. A día de hoxe conseguiuse reactivar virus de mostras de permaxeo con até 30.000 anos de antigüidade, mais non alén dese tempo. 

Estes antigos virus reactivados son de ADN, como a varíola, máis resistentes que os de ARN, como o novo coronavirus causante da actual pandemia de Covid-19. As bacterias tamén supoñen unha ameaza: en 2016, por exemplo, un brote de ántrax matou milleiros de renos.

Isto leva a outra reflexión entre os expertos. A ameaza non só vén provocada pola desconxelación do permaxeo. Tamén polo aumento da actividade humana, que ocupa cada vez máis espazos. Segundo explican no artigo publicado por Unearthed, nun ambiente natural cando un virus do permaxeo fica exposto, o osíxeno e a luz acaban por neutralizalo. Mais de atopar axiña un hóspede ten a posibilidade de activarse, contaxiarse e propagarse até xerar unha pandemia.

Comentarios