Teherán reivindícao como un acto de defensa

Un ambiguo Trump concede que o derrubo dun dron por parte de Irán puido ser por un erro humano

Non é o Trump máis belicoso que caiba imaxinar. É máis ben un Trump que calcula os réditos políticos que pode tirar a un conflito bélico (máis ben poucos) xusto na semana en que anunciou a súa vontade de recuncar na Casa Branca.

Trump Trudeau
photo_camera Trump, con Trudeau

Trump atendeu a imprensa após manter un encontro con Justin Trudeau, o primeiro ministro canadiano. O presidente dos EUA tivo que lidar coas perguntas en relación ao derrubo por parte de Irán dun dron norteamericano non tripulado. Teherán alega que a nave sobrevoaba espazo aéreo iraniano. Os EUA din que non, que o facía sobre augas internacionais, no estreito de Ormuz.

En calquera caso, o incidente escala a tensión na rexión após os EUA teren acusado días atrás a Irán do ataque a un petroleiro xaponés.

Consciente diso, Trump optou esta quinta feira por un discurso deliberadamente ambiguo. Por unha banda, non desbotou unha resposta militar estadunidense. "Veremos que ocorre", dixo. Por outra, manexou a hipótese de que o ataque ao dron se producise por un erro humano, ao tempo que enfatizou o carácter non tripulado da nave derrubada. O incidente tería sido moito máis grave de ter custado vidas humanas, argumentou.

A hipótese do erro humano non se sostén desde o momento en que Teherán deixa claro que o derrubo foi un acto intencionado, sendo que a nave tería sobrevoado espazo aéreo iraniano. "O derrubo dun dron americano foi unha clara mensaxe a Estados Unidos. As nosas fronteiras son unha liña vermella e reaxiremos con forza perante calquera agresión. Irán non procura a guerra con ningún país, mais estamos totalmente preparados para defendernos", dixo nos medios estatais Hossein Salami, comandante da Garda Revolucionaria.

Comentarios