As últimas, en Haití

Aluvión de denuncias contra cascos azuis por abusos sexuais

Até 2 mil denuncias por abusos sexuais dos que serían responsábeis membros dos cascos azuis. Esta é a cifra que recolle un informe do que vén de dar conta a axencia Associated Press e que volta a poñer no punto de mira o continxente da ONU.

cascos azules Haití
photo_camera Cascos azuis en Haití

Un informe difundido pola axencia de noticias AP recolle até 2 mil denuncias contra cascos azuis por abusos sexuais en todo o mundo. Desas 2 mil, 300 pertencerían a menores de idade. Na documentación, segundo AP, alúdese a testemuños de decenas de mulleres, nenas e nenos que denuncian ter sido vítimas de abusos sexuais por parte deste corpo militar.

“Os actos sexuais descritos por nove vítimas son simplemente demasiados para seren presentados exhaustivamente neste informe, en especial en virtude de que cada unha afirma que tivo múltiplos acompañantes sexuais en diversos lugares onde os continxentes de Sri Lanka estiveron instalados durante anos en diversas partes de Haití”, recolle o informe da AP.

A ONG Blue Code rexistrou 145 denuncias só en 2016 en Haití

Cando menos 134 membros do continxente de Sri Lanka participarían entre 2004 e 2007 de violacións, explotación e abuso. Após unha investigación da ONU estes militares foron retirados da forza. Porén, as Nacións Unidas carecen de xurisdición directa sobre os cascos azuis e a sanción penal contra os culpábeis recae nos países que achegan os efectivos militares da forza.

Haití

O secretario xeral da ONU, António Guterres, xa se pronunciara en 2015 sobre os abusos: “Digámolo cunha soa voz, non toleraremos que ninguén cometa ou consinta a explotación nin o abuso sexual. Non permitiremos que ninguén tape estes delitos coa bandeira da ONU”. Porén, en países como Haití, seguen amoreándose denuncias contra cascos azuis por presuntos abusos de natureza sexual. De feito, a ONG Blue Code rexistrou 145 denuncias só en 2016. O continxente militar leva na illa caribeña de maneira ininterrompida 13 anos.

Na actualidade, os cascos azuis contan con máis de 5 mil efectivos que participan en misións de paz ao longo do mundo. O seu labor consiste no adestramento a policías, garantir a seguridade durante eleccións, apoiar o sistema xudicial, axudar en desastres naturais ou reconstruír a orde pública após crises políticas, entre outros.

Comentarios