"É alucinante. Que vaia a tomar polo cú", di De Guindos ante a pergunta incómoda dunha xornalista

O ministro de Economía español reaccionou desta maneira ás portas da Comisión europea onde se reuniu esta segunda feira o Eurogrupo. Vídeo no interior.

 

Non é a primeira ocasión en que o responsábel de economía do goberno español increpa á prensa perante unha pregunta incómoda. O titular do Ministerio de Economía español, Luís de Guindos mandou "tomar polo cú" --literalmente-- á imprensa após ser inquirido por unha xornalista a respeito da situación económica que atravesa o Estado español e a política de recortes que desenvolve o seu goberno. 

A relación entre o executivo de Mariano Rajoy e a imprensa non pasa polo seu mellor momento após modificaren desde A Moncloa o acordo que durante anos rexeu a xestión das preguntas ao presidente do goberno, entre outras, nas comparecencias con líderes internacionais. Agora é o Goberno o que decide que medios de comunicación poden preguntar e cales non reservándose mesmo o dereito a veto como aconteceu na xuntanza entre Rajoy e Obama na que medios como a Ser ou TV3 tiveron que ficar fóra por decisión do executivo. 

Xornalistas e medios denuncian as dificultades para desenvolveren o seu traballo perante un dos presidentes (e gobernos) menos transparentes como teñen denunciado diversas asociacións de xornalistas. 

Vídeo tirado da canle de InfoLibre en Youtube

Comentarios