Alquimia ancestral na cura da COVID-19

A medicina tradicional e as crenzas relixiosas xogan un importante papel para a saúde nalgunhas sociedades, ben polo seu efecto físico ben polo psicolóxico. Porén, segundo advirte a comunidade médica, no caso da COVID-19 non está probada a eficacia de métodos como a acupuntura chinesa ou as infusións herbais feitas en Madagascar.
2020052615072549437
photo_camera A masaxe de pés utilízase na medicina tradicional chinesa para activar o sistema inmunitario (Nós Diario)

Segundo a Organización Mundial da Saúde, a día de hoxe non hai ningún medicamento que mostrase capacidade algunha para previr ou curar a COVID-19. Porén, son moitas as persoas que defenden o uso de tratamentos alternativos malia non superaren todos os pasos do método científico para probaren a súa valía.

Este tipo de terapias teñen defensores mesmo desde as esferas presidenciais. Por exemplo, Donald Trump asegurou a semana pasada que estaba a tomar hidroxicloroquina porque oíra "moitas cousas boas" sobre o seu efecto. "Comeceina a tomar hai un par de semanas. Non me vai facer dano", asegurou.

A hidroxicloroquina ou o seu análogo, a cloroquina, é un fármaco para tratar a malaria ou paludismo que, segundo comprobaron varios estudos, está relacionado cun maior risco de complicacións graves do ritmo cardíaco nos pacientes da COVID-19. 

Días antes, Trump propuxera inxectar desinfectante e aplicar luz solar aos pacientes contaxiados con coronavirus. Poucas horas despois desas declaracións, os centros de emerxencias de varios Estados estadounidenses rexistraron un repunte de chamadas alertando de intoxicacións por exposicións á lixivia e a outros produtos de limpeza, segundo informou a cadea ABC. 

Acupuntura e masaxes

Menos nocivo, mais igual de inocuo na cura da COVID-19, é o uso da acupuntura ou a masaxe de pés, dúas prácticas comúns na maior parte da China. O pasado 9 de maio, China Daily, o xornal en inglés que edita o Partido Comunista (PCCh), publicaba un vídeo no Twitter onde defendía que a aplicación destas dúas técnicas, en combinación coa medicina tradicional chinesa, axudara a diminuír o número de mortes por coronavirus.

Tamén o Diario do Pobo, o periódico oficial do PCCh cunha tirada de máis de tres millóns exemplares en todo o mundo, enumeraba nunha información "seis medicinas tradicionais chinesas efectivas para tratar a COVID-19". Os gránulos Jinhua Qinggan, as cápsulas Lianhua Qingwen, as ampolas Xuebijing, o Shang Han Za Bing Lun (solución de limpeza e desintoxicación pulmonar), a fórmula HuaShiBaiDu e os gránulos XuanFeiBaiDu. Todos eles, segundo sinalan, compostos elaborados cunha ducia ou máis de ingredientes herbais.

"Non funciona. É algo que sen lugar a dúbidas non recomendamos", sinalaron as autoridades médicas do Goberno de Suecia, que decretou un embargo nunha remesa chegada a porto da Lianhua Qingwen despois de comprobar que só contiña metanol. E no Canadá, os profesionais médicos sumáronse a desaconsellar o seu uso, informou CBC.

Refresco herbal

Tamén as autoridades médicas mostraron preocupación pola popularidade que en África está a ter o Covid-Organics (CVO), un refresco herbal elaborado en Madagascar a partir de plantas do xénero Artemisia (entre as que se inclúen numerosas especies de uso medicinal como o estragón ou a santónica). Estas herbas teñen probadas propiedades contra a malaria, e precisamente ─segundo recolle a revista Science─ témese que o consumo abusivo de CVO poida provocar resistencia aos medicamentos usados para tratar o paludismo, elaborados con Artemisia. 

O presidente de Madagascar, Andry Rajoelina, nunha entrevista en France 24, rexeitou as críticas, que enmarcou na "actitude condescendente" que Occidente ten coa medicina tradicional africana: "De non ser Madagascar e for un país europeo quen descubrise este remedio, habería tantas dúbidas? Non o creo".

Na conferencia de prensa para anunciar "o remedio que salvará o mundo", Rajoelina anunciou a distribución do CVO por todo o país e, co tempo, por todo o continente. Numerosos países africanos, como Nixeria, Guiné-Bissau, Guinea Ecuatorial ou Liberia, xa fixeron encomendas do tónico.

A Organización Mundial da Saúde, contraria ao seu uso, viuse na obriga de emitir un comunicado ao respecto. "A OMS recoñece que a medicina tradicional, complementaria e alternativa ten moitos beneficios e África conta cunha longa historia de medicina tradicional e practicantes médicos que xogan un rol importante no coidado da poboación", sinalou, ao tempo que salientou: "Os habitantes de África merecen usar medicinas experimentadas cos mesmos estándares que o resto do mundo".

O vodú ante as carencias sanitarias en Haití

Fóra de África mais coas súas raíces nela, Haití é un dos países que tamén fixo unha reserva da CVO de Madagascar. Segundo informou Reuters, nos últimos días líderes da relixión vodú do Estado caribeño estiveron a adestrar as mambo (sacerdotisas) e os houngan (sacerdotes) na elaboración dun "remedio secreto" para o coronavirus, que inclúe eucalipto, xenxibre e mel, así como na preparación dos templos, que funcionan como clínicas.

Os servizos sanitarios do país ─o máis pobre de toda América─ son escasos e caros, polo que as persoas recorren ás herbas medicinais e aos rituais do vodú para trataren as súas doenzas. Calcúlase que máis da metade dos 11 millóns de habitantes de Haití practican esta relixión, traída de África polos escravos e practicada na clandestinidade durante a época colonial francesa. Símbolo da loita pola independencia, non foi recoñecida porén como relixión oficial até 2003, e a día de hoxe continúa a ser estigmatizada pola cultura popular occidental. 

Comentarios