Alivio e ledicia entre a prensa española

O triunfo do NON no referendo escocés ten unha boa acollida nos principais medios españois, cada un tirando para o seu muíño. Para ‘El País’ é un triunfo da terceira vía e para La Razón a consulta en si xa foi un erro.

Sen titulo

Alivio no goberno español e alivio nos grupos mediáticos españois. A derrota do SI no referendo escocés foi moi ben acollida por xornais e radios españois, que malia insistir nestas semanas en que o de Escocia e Catalunya non tiña nada a a ver, seguiron todo o proceso da vella Alba cun ollo de esguello en Catalunya. Co triunfo do NON, para articulistas e opinadores agora si hai que extraer leccións válidas para Catalunya. Votar? Non. A lección é a derrota do independentismo.

El País titulaba ‘Escocia rexeita a independencia’ e destacaba a boa acollida nas bolas e mercados de que as e os escoceses optasen por seguir en Gran Bretaña. Dous dos articulistas de cabeceira do xornal do Grupo Prisa asinaban senllos artículos nos que indicaban o discurso a seguir. Vidal-Foch en “Amplo triunfo da Terceira Vía” e J.I. Torreblanca en “Preguntar foi o erro”.

Para ABC ‘Reino Unido supera o referendo, Escocia elixe a Unión’. Na reportaxe central afirma que “o nacionalismo foi derrotado”, destaca que “Cameron sae vivo e triunfador” mentres que de Alex Saldmon, ao que cualifica de “paladín da ruptura”, destaca que o seu rosto ao coñecer os resultados era o da “contrariedade”.

O tenista Andy Murray tamén as leva

El Mundo e La Razón coinciden no titular (‘Escocia di non á independencia’) e no golpe que o resultado supón para o proceso soberanista catalán, ese que até agora non tila nada a ver con Escocia según estes mesmos medios. Para El Mundo, o gran derrotado é Alex Saldmon e....Andy Murray!. O xornal madrileño carga contra este tenista por se sumar “a última hora” á causa da independencia de Escocia.

Nos medios dixitais, El Diario informa que os escoceses e escocesas optaron por ficar en Reino Unido. Josep C. Rius, no seu artigo neste medio, afirma que o Goberno Rajoy pretende xogar a baza da derrota escocesa contra o proceso catalán e xa adianta que esa estratexia vai fracasar.

E Libertad Digital opta pola liña dura xa no seu editorial. Convocar a consulta en Escocia é “un erro histórico” e advirte: “Imitalo non sería un estúpido erro senón algo moito peor”.

Comentarios