mércores 08/12/21

Alex Salmond anuncia a súa demisión como primeiro ministro

Após o resultado do referendo de autodeterminación Salmond asegurou que presentará a súa renuncia en Novembro logo de se celebrar a Conferencia da que sairá eleita a nova Secretaría Nacional do SNP. VÍDEO NO INTERIOR. 

AlexSalmond_2007
Alex Salmond, primeiro ministro de Escocia

O primeiro ministro escocés, Alex Salmond, anunciou esta sexta feira (18 de setembro) que demitirá da súa responsabilidade no mes de novembro. A decisión foi feita pública a primeira hora da tarde. 

A saída de Salmond non se formalizará até o mes de Novembro, cando o seu partido --o Scotish National Party-- teña elixida a persoa que ocupará a súa Secretaría Nacional na conferencia anual que terá lugar os vindeiros 13, 14 e 15 de novembro. 

Despois de demitir, o Parlamento escocés deberá encetar un novo proceso de escolla para substituílo nas súas funcións. Alex Salmond asegurou no seu comunicado público que foi "o privilexio" da súa vida ter "servido a Escocia como primeiro ministro" mais, acrecenta, "como dixen durante a campaña isto non é por min nen polo SNP. É máis importante que iso".  

Na súa comparecencia afirmou que non tería adoptado esta decisión se o resultado da consulta for un apoio maioritario ao 'Si'. 

O aínda primeiro ministro asegurou que "a campaña" a prol da independencia continúa en Escocia malia os resultados obtidos no referendo pois, sinalou Salmond, "o soño nunca morrerá". 

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Alex Salmond anuncia a súa demisión como primeiro ministro
comentarios