Alex Salmond abandona o SNP após ser acusado de abusos sexuais

A investigación foi aberta a raíz de denuncias formuladas no interior do SNP. Salmond tíldaas de "pateticamente ridículas", mais deixa o SNP co argumento de que non quer afondar na división do partido.

Salmond
photo_camera Salmond

Nicola Sturgeon, primeira ministra de Escocia e sucesora de Salmond á fronte do SNP, estaba a ser submetida a unha forte presión da oposición para suspender de militancia o antigo líder do partido. Non o terá que facer, dado que este tomou a decisión de abandonar a formación. "Non vin á política para facilitar os ataques da oposición ao SNP e, sendo que o Parlamento volta a se reunir a próxima semana, oferezo a miña demisión para desactivar esta liña de ataque da oposición", afirma Salmond.

"Antes que nada, son consciente de que se o partido se sente forzado a me suspender de militancia, iso causaría unha substancial división interna", alegou.

Salmond foino todo no SNP, partido no que militou durante 45 anos, 20 deles como líder e 7 como primeiro ministro. Foi quen levou Escocia ao referendo de independencia, en setembro de 2014. Na consulta o si obtivo 44,7 por cento dos votos, face 55,3 por cento dos sufraxios a prol da permanencia do país no Reino Unido. O resultado foi o factor que desencadeou a súa renuncia como chefe do executivo, cargo no que foi reemprazado por Sturgeon.

Mais o feito de abandonar o partido para non o prexudicar, non impediu a Salmond apresentar unha denuncia contra o executivo escocés, por entender que as acusacións ás que este dá crédito non teñen fundamento.

Por súa parte, Nicola Sturgeon afirma en twitter que sente unha "enorme tristeza" por esta situación, mais a seguir engade que entende a decisión de Salmond coa que este pretendería separar "as cuestións que el enfrenta [a denuncia por abusos sexuais] do día a día do SNG e da campaña en curso pola independencia".

Sturgeon aduce que o goberno escocés recebeu dúas denuncias contra Salmond e que "non podían ser ignoradas nen varridas debaixo da alfombra".

Comentarios