Alertan dunha "crise democrática" pola reforma francesa das pensións

Undécima xornada de mobilización xeral masiva no país, na que as forzas sindicais ratificaron que as protestas non pararán até que a reforma das pensións sexa retirada.
Manifestación a quinta feira en París. (Foto: Ervin Shulku / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera Manifestación a quinta feira en París. (Foto: Ervin Shulku / Zuma Press / Contactophoto)

Sectores como o ensino e o transporte público pararon onte en Francia na undécima xornada de mobilización xeral en contra da reforma das pensións, na que centos de milleiros de persoas saíron á rúa en vilas e cidades entre a represión policial, co lanzamento de bombas lacrimóxenas contra os manifestantes en múltiples urbes. Amais, traballadoras e traballadores do sector ferroviario irromperon no edificio de BlackRock, o fondo de investimento máis grande do mundo e con sede nos Estados Unidos, en París, a capital.

Desde a marcha na localidade, o líder da progresista Nova Unión Popular Ecolóxica e Social, Jean-Luc Mélenchon, incidiu en que “estamos a piques de pasar dunha crise social a unha crise democrática”, cando apenas quedan sete días para que o Consello Constitucional faga público o seu ditame das apelacións á norma, cuxa aprobación foi forzada polo presidente Emmanuel Macron sen o voto do lexislativo, e que eleva de 62 a 64 anos a idade de xubilación no país europeo.

Pola súa parte, Laurent Berger, secretario xeral da Confederación Democrática do Traballo de Francia, tamén alertou dunha “crise democrática” que intensifica o “risco de ascenso da extrema dereita”.

Ao tempo, as greves mantéñense en varias empresas mais cun especial impacto no sector enerxético, o que levou o Executivo a aprobar ordes para requisar a produción das refinarías. Onte mesmo, un tribunal de Rouen, no norte francés, suspendeu unha destas ordes por non cumprir a lei e ser contraria ao dereito de folga.

Denuncias por agresión sexual

Asemade, continúan as críticas á actuación das forzas de seguridade. En Nantes, catro estudantes denunciaron que axentes policiais as agrediron sexualmente despois dunha protesta. Nese sentido, a galardoada co Nobel de Literatura en 2022, Annie Ernaux, reclamou unha investigación exhaustiva ao respecto.

A xornada de mobilización decorreu un día despois dunha reunión entre as forzas sindicais que convocaron as protestas e a primeira ministra Élisabeth Borne, que as primeiras consideraron “un fracaso”, mentres que o Gabinete acusou os sindicatos de “non querer comprometerse”.

A nova líder da Confederación do Traballo de Francia, Sophie Binet, deixou claro que “pase o que pase, a mobilización continuará entrementres non se retire a reforma”, unha posición que segundo as enquisas apoian dúas de cada tres francesas e franceses.

Comentarios