Alemaña, vítima do "paradoxo da prevención" na loita contra a Covid

O país, que superou con éxito a primeira vaga, está a sufrir unha emerxencia nesta segunda, batendo rexistros de contaxios e de falecementos nos últimos días.
EuropaPress_3431368_03_november_2020_north_rhine-westphalia_duesseldorf_face_mask_lies_on_the
photo_camera Máscara nunha rúa de Düsseldorf, capital do 'land' de Renania do Norte-Westfalia, na quinta feira (Foto: Federico Gambarini / dpa)

É o coñecido como unha "profecía autofrustrada" ou "dilema do profeta", unha predición que unha vez realizada é a propia causa de que no se cumpra. Exemplo práctico: os danos oculares nunha fábrica de montaxe van en aumento, decídese estabelecer o uso de gafas de protección, os accidentes diminúen drasticamente durante décadas até que se opta por retirar a obrigatoriedade de usalas porque, "que necesidade hai delas se ninguén perde un ollo desde hai anos?".

Outro exemplo máis próximo: unha pandemia provocada por un novo virus ameaza con causar numerosas mortes e o colapso do sistema sanitario, as autoridades deciden estabelecer duras medidas restritivas para frear a súa expansión e o risco fica minimizado, até que se reflexiona que "o perigo non era tal, o virus non é tan grave e realmente as restricións non son necesarias". 

Advertíao ─profetizábao─ Christian Drosten, director do Instituto de Viroloxía do Hospital Charité de Berlin, pouco antes de Alemaña iniciar o proceso de desconfinamento tras a primeira vaga da Covid-19. "Neste momento, estamos a ver as UCI medio baleiras en Alemaña. Isto é porque comezamos cos diagnósticos antes e a unha grande escala, e freamos a epidemia", sinalaba nunha entrevista para o xornal The Guardian.

"A xente estase a queixar de que reaccionamos esaxeradamente, e hai unha presión política e económica para a volta á normalidade", afirmaba Drosten ─un dos expertos que en 2003 identificou o virus do SARS─ e poñíalle nome á situación, a esa profecía autofrustrada: un "paradoxo da prevención" que segundo el se instalara na sociedade alemá e que tería graves consecuencias no futuro. "Preocúpame que o factor de reprodución comece a medrar de novo e que teñamos unha segunda vaga". Era o 26 de abril.

Dúbidas sobre o virus

Máis de oito meses despois os datos danlle a razón. Tamén as autoridades. Lothar Wieler, director do Instituto Robert Koch de Enfermidades Infecciosas (RKI), a axencia do Goberno alemán responsábel do control de enfermidades, afirmou esta semana que o éxito en frear o virus durante a primeira vaga levara moitas persoas a cuestionar a gravidade do coronavirus

Nunha conferencia de prensa na quinta feira, Koch advertiu que ese "grande éxito" inicial está a provocar que agora non se estean a seguir as regras de distanciamento físico e os períodos de corentena.

As autoridades sanitarias alemás contabilizaron onte 432 vítimas mortais e 23.449 contaxios ─643 máis que hai unha semana e 1.403 máis que na quinta feira─. Segundo datos do RKI, o récord de novas infeccións alcanzouse o 20 de novembro, con 23.648 positivos, e o de falecementos esta mesma semana, na cuarta feira, con 487.

Foi precisamente nese día que o Goberno federal e os länder (Estados federados) acordaron estender as restricións até o 10 de xaneiro, con centros culturais, bares e restaurantes fechados, e coas reunións nas casas limitadas a cinco persoas de até dúas unidades familiares. 

O director do RKI dixo estar seguro de que "a medida que se dean máis casos, cando a xente o vexa entre os coñecidos" haberá maior respecto polas normas. Porque segundo Wieler, hai xente que non coñece ninguén que se contaxiase coa Covid, o que dificulta tomar consciencia da dimensión da pandemia. Mesmo, dixo, hai quen nega que o coronavirus exista. Chamouno un "paradoxo da prevención".

Comentarios