Alemaña non desbota empregar vacinas chinesas e rusas

Primeiro deberían ser aprobados pola Axencia Europea do Medicamento, como é o caso doutras vacinas.
Lote de vacinas de Pfizer (Foto: Europa Press).
photo_camera Lote de vacinas de Pfizer (Foto: Europa Press).

O ministro alemán de Sanidade, Jens Spahn, dixo nunha entrevista co Frankfurter Allgemeine Zeitung que se poderían subministrar vacinas chinesas e rusas para superar a escaseza de doses das vacinas occidentais. "Máis alá do país onde se produciron, se as vacinas son seguras e eficaces, poderían axudarnos a superar a pandemia", di. Porén, está claro que primeiro deberían ser aprobados pola Axencia Europea do Medicamento, como é o caso doutras vacinas.

As palabras do ministro alemán xorden no medio da lea entre a Unión Europea e empresas farmacéuticas, que non están a cumprir os seus compromisos de entrega.

Rusia anunciou a sexta feira que, de ser aprobada pola Axencia Europea do Medicamento, podería entregar 100 millóns de doses da vacina Sputnik V no segundo trimestre do ano, o que inmunizaría 50 millóns de europeos.

Porén, a relación entre os países da UE e as vacinas chinesas e rusas é delicada. A Unión Europea criticou Hungría por desvincularse do bloque da UE ao autorizar a administración da vacina da empresa pública chinesa Sinopharm e do Sputnik V ruso no seu territorio; pero dixo que non era ilegal.

Comentarios