Alemaña merca 200.000 doses do 'cóctel' contra a Covid administrado a Trump

O custo da operación cífrase en 400 millóns de euros: 2.000 euros por dose.

EuropaPress_3359343_presidente_estados_unidos_donald_trump (2)
photo_camera Donald Trump, ao seu regreso á Casa Branca tras tres noites ingresado por coronavirus (Ken Cedeno / Zuma Press)

O ministro alemán de Sanidade, Jens Spahn, anunciou que o seu país comprara 200.000 dose da combinación de anticorpos administrada ao ex presidente dos Estados Unidos Donald Trump durante a súa convalecencia por coronavirus en outubro do ano pasado.

Os chamados 'cócteis' de anticorpos monoclonais despregaranse nos hospitais universitarios a próxima semana, nunha adquisición que converte Alemaña no "primeiro país da UE" en usalos na loita contra a pandemia. O custo da operación cífrase en 400 millóns de euros: 2.000 euros por dose.

Spahn non identificou o fabricante que fornecerá os medicamentos, mais si confirmou que é o mesmo sistema que recibiu Trump. "Funcionan como unha vacina pasiva.

A administración destes anticorpos nas primeiras etapas pode axudar os pacientes de alto risco a evitar unha progresión máis grave", explicou o ministro nunha entrevista ao diario Bild.

Regeneron

Trump recibiu durante a súa hospitalización a terapia de anticorpos desenvolvida pola firma estadounidense Regeneron, coñecida como REGN-COV2, mesmo antes de o tratamento obter a aprobación polo organismo regulador do medicamento. A empresa estadounidense Eli Lilly desenvolveu unha terapia similar.

O novo tratamento é unha combinación ou 'cóctel' de dous anticorpos fabricados en laboratorio. Os anticorpos adhírense a diferentes partes do virus, distorcendo a súa estrutura.

Mentres, as autoridades de Alemaña confirmaron neste domingo, 24 de xaneiro, 12.257 novos contaxios por coronavirus e outros 379 falecidos durante as últimas 24 horas, substancialmente por baixo dos 16.000 casos e 879 falecidos do sábado.

Comentarios