Alemaña e Francia aseguran que vivirían "moi ben sen Facebook"

Os dous países responden á ameaza de Meta de retirar Facebook e Instagram da Unión Europea se non pode seguir a empregar libremente os datos persoais das persoas usuarias.
O ministro alemán de Economía, Robert Habeck. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O ministro alemán de Economía, Robert Habeck. (Foto: Europa Press)

Os ministros de Economía de Alemaña e Francia, Robert Habeck e Bruno Le Maire, aseguraron nunha rolda de prensa que ambos países vivirían "moi ben sen Facebook".

As declaracións dos dous ministros chegan despois de que Meta, a compañía que xestiona a rede social, informase de que probabelmente tería que deixar de prestar servizo con Instagram e Facebook na Unión Europea.

O ministro francés afirmou que a Unión Europea resistirá "o poder desmedido" das grandes compañías  dixitais e protexerá os datos persoais da súa poboación.

Pola súa banda, Habeck bromeou coa situación e declarou que "despois de que 'hackearan', vivín sen Facebook nin Twitter durante catro anos, a vida é fantástica". 

Ameaza con deixar a Unión Europea

No informe anual de Meta publicado o pasado 2 de febreiro, a compañía ameazou con deixar de prestar servizo na Unión Europea despois de que lle impedisen seguir a transferir datos persoais dos usuarios aos Estados Unidos de América (EUA).

O ministro alemán de Economía recordou que non é a primeira vez que a empresa fai unha ameaza deste tipo, xa que en 2018, cando a Unión Europea aprobou o Regulamento Xeral de Protección de Datos (RXPD), Facebook tamén se manifestou neste sentido, aínda que despois "se converteu no estándar global".

O titular francés sinalou que "estas grandes empresas dixitais non están acostumadas a que lles leven a contraria". Le Paire asegurou que "non queremos que os nosos datos persoais estean nas mans dos xigantes dixitais sen ningún control".

Comentarios