Alemaña colle número na cola da Sputnik V

O Goberno alemán seguiu os pasos da veciña Austria e anunciou onte que prevé negociar con Rusia unha posíbel adquisición da Sputnik V. Bruxelas insiste en que estas iniciativas bilaterais non son incompatíbeis coa estratexia de compra conxunta. E tamén que non ten previsto mercar ningunha dose da vacina rusa.
EuropaPress_2867037_filed_19_january_2020_berlin_german_chancellor_angela_merkel_receives
photo_camera Angela Merkel e Vladimir Putin, nunha imaxe de arquivo tomada en xaneiro de 2020 na capital alemá (Kay Nietfeld / dpa)

O ministro de Sanidade de Alemaña, Jens Spahn, anunciou onte que o país contempla entrar en negociacións con Rusia para unha posíbel adquisición da vacina contra a Covid-19 Sputnik V. O fármaco está actualmente baixo revisión da Axencia Europea do Medicamento (EMA).

"En nome de Alemaña expliquei ao Consello de Ministros de Sanidade da UE que nos gustaría negociar bilateralmente con Rusia, primeiro para saber cando e que cantidades poderían ser subministradas", sinalou Spahn en WDR, a emisora de radio pública de Renania do Norte-Westfalia. 

O pasado 5 de xaneiro, o servizo de prensa do Kremlin xa informara dunha comunicación entre a chanceler alemá, Angela Merkel, e o presidente ruso, Vladimir Putin, para tratar sobre unha posíbel "produción conxunta de vacinas".

E a semana pasada Merkel, Putin e o presidente francés, Emmanuel Macron, mantiveron unha conversa telefónica onde se volveu abordar o asunto. Porén, desde Francia mantense unha posición máis remisa. "En termos de xestión, [a Sputnik V] é máis un medio de propaganda e de diplomacia agresiva que unha forma de solidariedade e axuda sanitaria", afirmara días antes o ministro de Exteriores, Jean-Yves Le Drian, na emisora pública France Info.

Compatibilidade

Onte Spahn confirmou que a Comisión Europea informara na véspera que non ten previsto adquirir doses da Sputnik V dentro da estratexia de compra común. A adquisición bilateral por parte dos Estados non entra en competencia co plan conxunto, tal e como aclarou con anterioridade en varias ocasións Bruxelas.

Fíxoo a comezos de marzo para pronunciarse a respecto da iniciativa First Movers, a alianza pola que os Gobernos austríaco e danés negocian co israelí outra fonte de adquisición de vacinas. (Austria, precisamente, anunciou a semana pasada que estaba a negociar con Rusia a compra dun millón de doses da Sputnik V).

E a UE volveuno aclarar onte: "Temos unha estratexia europea de vacinación baseada nas negociacións cunha serie de compañías seleccionadas. O feito de que os Estados membros decidan adquirir vacinas doutros produtores ─e xa ocorreu con Hungría─ non é a fin da estratexia europea", subliñou o portavoz principal da Comisión, Éric Mamer, insistindo en que o plan común e a compra bilateral son de todo compatíbeis.

Tanto no caso alemán como no austríaco, os Gobernos condicionan o plan a que a EMA lle dea a súa aprobación á vacina rusa. Polo momento, Hungría é o único Estado membro que a está a administrar sen ter a garantía por parte deste organismo da súa eficacia e seguridade. 

Eslovaquia recibiu o 1 de marzo un lote de 200.000 doses da Sputnik V, mais non inxectou ningunha debido a que o regulador nacional di que non pode emitir unha resolución clara sobre a seguridade do fármaco. 

No hipotético caso de que a administración deste ou de calquera outro medicamento fose perniciosa para a saúde, ter a validación da EMA é un seguro por parte dos Estados ante posíbeis consecuencias penais derivadas de demandas xudiciais. 

Iniciativas rexionais

A EMA, en todo caso, é un ente coordinador. A xestión sanitaria é competencia dos Estados, que no caso dos máis descentralizados como Alemaña, España ou o ex membro Reino Unido está transferida ás administracións rexionais: os Estados federados ou länder, no caso alemán; as comunidades autónomas, no español; e os países constituíntes, no británico. Descentralizar o máximo posíbel a Sanidade é unha recomendación da OMS.

Precisamente esta semana coñecíanse dous casos ao respecto de iniciativas de adquisición da Sputnik saídas de Gobernos rexionais. A Comunidade de Madrid, ente administrativo que inclúe a capital española, explorou en febreiro a posibilidade de comprala, segundo adiantou o diario conservador ABC. Onte, a presidenta rexional, Isabel Díaz Ayuso, do Partido Popular (PP), defendeu nunha entrevista na radio pública autonómica, Onda Madrid, que se o fármaco "funciona" e "todo é legal", está "obrigada" a adquirila porque un dirixente debe facer "todo aquilo que está na súa man por salvar vidas".

Tamén onte desde Alemaña, Markus Söder, primeiro ministro de Baviera (o land máis grande e con maior renda per cápita do país), anunciaba a sinatura dun precontrato para a adquisición de 2,5 millóns de doses da Sputnik V, que chegarían en xullo. Söder, da Unión Social Cristiá (CSU), é o favorito nas enquisas para encabezar a lista conxunta coa Unión Demócrata Cristiá (CDU) ás xerais do 26 de setembro, en substitución de Merkel.

A cinco meses das xerais

Son as inminentes eleccións xerais unha das principais causas de moitas das decisións tomadas na locomotora da UE, e posteriormente seguidas polo resto de vagóns comunitarios. Alemaña leva desde o 2 de novembro sometida a un confinamento máis ou menos duro, e desde que comezou a campaña de vacinación o ritmo de inoculación foi até agora baixo (onte o Instituto Robert Koch comunicou os mellores datos de sempre, con 650.000 doses administradas na cuarta feira).

As enquisas electorais mostran o descontento coa xestión da pandemia por parte do Goberno alemán. Os ministros máis implicados son os máis desvalorizados: un é Spahn e o outro é o responsábel de Economía, Peter Altmeier. Ambos os dous son da CDU, sinalada ademais por varios casos de corrupción na adquisición de máscaras. Segundo a última sondaxe da cadea pública ARD, Os Verdes (22%) estarían xa a só 5 puntos da CDU/CSU (27%).

Límites de idade á AstraZeneca na UE

O comité de seguridade da Axencia Europea do Medicamento (EMA) recomendou na cuarta feira seguir usando AstraZeneca malia concluír que existe unha "posíbel relación" entre a vacina e os trombos detectados en mulleres menores de 60 anos, en todo caso "moi raros".

Ante o anuncio, algúns Estados que aínda non o fixeran decidiron estabelecer restricións no seu uso.

Italia acordou reservala para persoas maiores de 60, en tanto que en Francia o límite de idade é desde os 55, ao igual que en Bélxica. España tamén suspendeu a inoculación en menores de 60 anos co antíxeno da farmacéutica anglosueca. En Dinamarca decidiuse paralizar por completo a vacinación con AstraZeneca.

Tamén, dentro do Espazo Económico Europeo, Noruega non a vai utilizar. E fóra das fronteiras comunitarias, no Reino Unido só se administrará ás persoas maiores de 30 anos.

Comentarios