En Quenia e no Curdistán

As aldeas das mulleres libres

En todo o mundo, a sociedade ten que se enfrontar a unha opresión estrutural, o patriarcado, que exerce a súa violencia contra as mulleres de moitos xeitos. Mentres que en occidente pode ser un machismo máis velado, noutros lugares a violencia está tan normalizada que as violacións, agresións e mesmo asasinatos de mulleres forman parte do día a día. Así é que en países tan distantes como Quenia e Siria chegouse a unha solución drástica: fundar aldeas só de mulleres. Ambas persisten grazas á vida comunitaria e á autosostibilidade. 

[Imaxe: SG] Mulleres en Quenia
photo_camera [Imaxe: SG] Mulleres en Quenia

mini3As vilas de Umoia, en Quenia, e Iinwar, no Curdistán sirio, foron construídas por e para mulleres. Elas sostéñenas co seu traballo e apoio mutuo. A segunda baseouse na primeira, malia que os seus contextos son diferentes. A intención fundacional de ambas é dar as mulleres un espazo seguro onde vivir sen violencia nin opresións. Mais en Quenia esa violencia estrutural contra as mulleres está moi vinculada a motivos relixiosos mediante prácticas como a ablación ou os matrimonios forzados, así como a violacións por parte de soldados de brigadas internacionais. En Siria, moitas das habitantes son viúvas que perderon os seus maridos debido á guerra e que foxen da extrema violencia do Estado Islámico.

Historicamente, no mundo, moitas mulleres foron apartadas das súas vilas durante o seu período por seren consideradas impuras. En moitas zonas rurais da India segue a pasar a día de hoxe. No entanto, nos casos de Umoia e Iinwar foron as mulleres quen por propia iniciativa decidiron excluírse para fuxir do machismo latente nas súas culturas.

Umoia foi nomeada así pola palabra unidade en lingua suahili. Foi fundada en 1990 por Rebecca Lolosoli, unha muller do grupo étnico dos samburu, subtribu dos masai, e quince mulleres máis, todas superviventes de violacións do exército británico. Está situada no condado de Samburu, perto da cidade de Archers Post e a 380 quilómetros de Nairobi, capital do país. Lolosoli é a cabeza da tribo, malia que todas as mulleres teñen voz e voto nas decisións importantes.

Conta cunha escola primaria, un centro cultural e unha zona de acampada para turistas. A súa situación perto dunha reserva nacional e o seu peculiar modo de vida matriarcal e comunitaria fan que se trate dun lugar de grande interese para turistas, polo que os seus ingresos proveñen de cobrarlles pola entrada -uns doce dólares- e das vendas de artesanía feita polas propias mulleres. Contan tamén cunha páxina web na que venden estas pezas. Ademais, todas as mulleres pagan uns impostos dun 10% das súas ganancias para manter a escola e outras necesidades de primeira man.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 338 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios