O alcalde de Burgos recúa e anuncia a paralización definitiva do bulevar de Gamonal

O movimento popular apúntase unha vitoria incuestionábel. O alcalde de Burgos deu marcha atrás sobre os seus propios pasos e esta sexta feira á tarde anunciou a paralización definitiva do bulevar de Gamonal.

A retirada do proxecto produciuse non sen dúbidas e tira-puxas no seo do propio Partido Popular. O Pleno do concello submeteu esta mañá dúas mocións -de PSOE e UpyD- para instar ao goberno municipal a que renunciase definitivamente ao proxecto. Nese momento, o PP decidiu que non, que as obras poderían eventualmente continuar. Porén, horas despois, o alcalde de Burgos anunciou a paralización definitiva das obras, sen marcha atrás.

O alcalde sabía que as mobilizacións non ían cesar. Hoxe mesmo, miles de persoas concentráronse perante o concello durante a realización do Pleno. En Gamonal, un barrio de extracción basicamente obreira, o PP gañou as pasadas eleccións municipais. Todo parece indicar que Javier Lacalle tomou en consideración os consellos de Génova, temerosa de que a faísca prendida en Burgos se puidese estender por todo o Estado a poucos meses -Maio, eleccións europeas- de o eleitorado ser chamado a votar.

Comentarios