Albiol, exemplo de político racista para o Consello de Europa, recupera a alcaldía de Badalona

Dolors Sabater recibiu os apoios de Guanyem, ERC, Comúns e JxCat mais o PSC votou ao seu propio candidato.

Albiol
photo_camera Albiol asume o cargo de alcalde (Badalona)

Xavier García Albiol, o líder do PP catalán a quen en febreiro de 2018 o Consello de Europa poñía como exemplo de de político xenófobo e racista, volve á alcaldía de Badalona, a cuarta cidade en poboación de Catalunya, con 216.000 habitantes.

Albiol recuperou o bastón de mando de Badalona grazas non tanto a que o PP fora a formación máis votada en maio de 2019 ( 11 edís) senón a que o acordo entre as forzas progresistas (16 concelleiras) para elixir outra persoa como alcalde fracasou.

Dolors Sabater, a candidata de Guanyem, logrou 10 votos (os da súa formación, ERC, JxCat e Podem) mentres que o PSC votou polo seu candidato, Rubén Guijarro, que obtivo 6 apoios.

A pesar dos intentos de última hora,  PSC e Guanyem non chegaron a un acordo sobre como distribuír a alcaldía de Badalona no que ficaba de lexislatura.

Despois dun pleno moi tenso, incerto até o último minuto e con fortes reproches entre as forzas da oposición, Albiol, gañou.

ERC e Comúns, embora votar por Sabater, realizaron duras críticas contra ela, reprochándolle en grande medida o fracaso do acordo para evitar que Albiol triunfase. Comúns mesmo solicitou que dimitise.

Porén, desde sectores do independentismo cargouse con dureza contra o PSC, ao que sinalan como principal responsábel do acontecido hoxe en Badalona. "Cando despois das eleccións o PSC (con menos votos que Sabater) dixo "ou nós ou Albiol", Sabater votou o candidato socialista. Agora, cando Sabater (a máis votada da esquerda) dixo "ou eu ou Albiol, o PSC deciduse por Albiol", escribía o editor Eduard Voltas.

A escolla de Albiol pon fin á telenovela que se abriu na cidade o 22 de abril, cando o ex alcalde Àlex Pastor (PSC) dimitiu após ser arrestado por conducir bébedo e enfrontarse á policía en pleno confinamento .

Comentarios