Dante Fachin (Podem): “Participar nas eleccións do 21D sería unha contradición, é aceptar o 155”

O líder de Podem afirma que afrontar o 21 de decembro como uns comicios máis é unha “traición” ao “espíritu do 1-O”.

albano-dante-fachin

O 21 de decembro Catalunya ten unha cita coas urnas nunhas eleccións fruto da convocatoria feita polo Estado español a través da aplicación do artigo 155. Uns comicios que tamén obrigan aos diferentes actores políticos a posicionarse. Claro desde o minuto un a postura dos ‘constitucionalistas’ (PP, Cs e PSOE) de validar estas eleccións e presentalas como un bálsamo de fierabrás contra o proceso soberanista; falta por coñecer as opinicións do resto de forzas.

A CUP xa deu indicios da súa posición. A semana pasada o deputado Albert Botran amosábase partidario de “boicotear” uns comicios convocados polo 155 e esta sexta feira Mireya Boya propuña para o 21D unha “paella insubmisa”.

Nas últimas horas pronunciouse Albano Dante Fachín, líder de Podem. Nunha entrevista na radio pública catalá, manifestaba que se os que se opoñen á aplicación do artigo 155 ven despois as eleccións do 21D como “normais”, estarían a incorrer nunha contradición. “Dicir non ao 155 e despois participar con normalidade nunhas eleccións que veñen do 155” é contraditorio. Dante Fachin insiste en que non se pode asumir esa cita coas urnas con normalidade mentres “os Jordis están en prisión” e pode aumentar o número de persoas presas.

É mais, o líder de Podem, que reiterou que falaba a título persoal, considera que non se entendería que as formacións contrarias ao 155 entrase nunha carreira “por catro votos ou catro escanos”, tanto polo que supón de “aceptar de pleno o 155” como por, dixo, rachar coa “lección que o pobo deu contra a represión”.

Para el, debería haber unha “estratexia á altura do que a xente amosou na rúa o 1-O e o 3-O, días nos que o Estado español se asustou”. Non apostar nisto senón en concorrer a estas como a unhas eleccións normais é para Fachín “unha traizón ao espírito do 1-O”.  

Comentarios