Alaska outorga status oficial a 20 linguas indíxenas

O recoñecemento, porén, non implica obriga algunha para as administracións de empregar eses idiomas. Alaska é o segundo estado, tras Hawai, dos EUA en recoñecer linguas nativas.

alaska

A Cámara lexislativa de Alaska aproba unha lei pola cal se outorga recoñecemento e status oficial a 20 linguas indíxenas deste estado norte-americano, segundo o Ciemen. Unha decisión, porén, que para nada afecta á posición do inglés como único idioma oficial de facto.

Entre esas 20 linguas indíxenas recoñecidas está o Eyak, que desapareceu o 21 de xaneiro de 2008 coa morta da súa derradeira falante, Marie Smith Jones. Era un idioma falado polo pobo Eyak, na desembocadura do Río Copper.

Un dos idiomas nativos recoñecidos, o deg xinac, tiña 40 falantes en 2007. Outro, o Eyak, desapareceu en 2008

Entre as linguas nativas recoñecidas están o deg xinac (en 2007 había censados 40 falantes) , o iupuk siberián, o tanacross, o tlingit (que tamén se fala en Canadá), o haida, o koyukon... e así até un total de 20.

Decisión simbólica con nulas consecuencias

A decisión da asemblea de Alaska é principalmente simbólica pois de facto non supón poñer en cuestión o inglés como o idioma oficial único 'de facto'. De feito, nin autoridades nin administracións están obrigadas a usalo. Non comporta responsabilidades sobre promoción ou apoio a eses idiomas. 

En Alaska hai un Centro de Linguas Nativas centrado no estudo e promoción destes idiomas.

Comentarios