O ensaio deste domingo tivo lugar na base Punggye-ri, segundo medios estadounidenses que sinalan que os sismógrafos rexistraron un potente sismo no nordeste de Corea do Norte, preto da fronteira con China. A televisión norcoreana informou despois do éxito do ensaio, neste caso cunha bomba de hidróxeno que podería “incorporarse a un mísil balístico”.
Donald Trump, presidente dos Estados Unidos, sinalou que as accións de Corea do Norte “continúan a ser moi perigosas para Estados Unidos” e referiuse á proba como “un test de grandes dimensións”. A primeira ministra do Reino Unido, Theresa May, advertiu que este ensaio “representa unha ameaza aínda maior á comunidade internacional”. E mentres a UE afirmou que se trata dunha “violación directa e inaceptábel” dos acordos internacionais, China e Rusia mostraron a súa condena polo “desprezo” por parte de Pyongyang das resolucións de Nacións Unidas.
Hai unha semana, o Exército coreano lanzou un mísil que percorreu 2.500 quilómetros e sobrevoou territorio xaponés. O de hoxe é o sexto ensaio nuclear levado a cabo por Corea do Norte na base de Punggye-ri. O anterior foi en setembro do ano pasado. Porén, medios internacionais sinalan de que o de hoxe ten un nivel máis grave segundo a intensidade rexistrada nos sismógrafos. O Goberno norcoreano difundiu fotos de Kim Jong-un supervisando a proba nuclear nas instalacións da base.