Aguirre reaparece cun alegato a prol da rexeneración da democracia

Ela di que non, que a súa retirada da primeira liña da política é irreversíbel, mais ninguén a cre. Esperanza Aguirre reapareceu logo do comité de dirección do PP madrileño e deu unha conferencia de imprensa (curiosa forma de retirarse). Fixo un alegato a prol da "rexeneración da democracia".

Aguirre está de volta e con toda a intención de disputar o liderado do Partido Popular, presumibelmente fronte a un Feijóo que a día de hoxe contaría co apoio do aparato do partido.

A ex presidenta de Madrid deixou varios recados na súa comparecencia de imprensa. Mostrouse partidaria dunha vaporosa "rexeneración da democracia", un tópico que non se preocupou de concretizar moito, e deu rédea solta ao seu ideario liberal. "É imprescindíbel", dixo, "devolvermos aos cidadáns o poder que lles temos roubado desde as administracións públicas".

Aguirre reiterou a súa proposta de que para estar política sexa conditio sine qua non ter cotizado antes á Seguridade Social. Este requisito deixaría fóra da política a millóns de persoas que non teñen tido aínda opción de entraren no mercado laboral.

Demandou o cambio da lei eleitoral, para ir a listaxes abertas.

Sobre o caso Bárcenas, mostrou a súa preocupación, mas desta volta optou por dirixir os seus míseis ao PSOE -que, dixo, roubou 1.000 millóns para dárllelos a algúns, alusión ao escándalo dos ERES en Andalucía- e a CiU, polo caso que atinxe ao secretario xeral de Convergència, Oriol Pujol.

En definitiva, abonou a tese de que todos os políticos son iguais. Agás ela, naturalmente.

Comentarios