Un afroamericano desarmado recibe cando menos 60 disparos da Policía nos EUA

Reprimen con bombas lacrimóxenas as protestas convocadas.
Mobilización en Akron (Ohio) pouco despois de facerse público o vídeo da morte de Jayland Walker. (Foto: AJPlus)
photo_camera Mobilización en Akron (Ohio) pouco despois de facerse público o vídeo da morte de Jayland Walker. (Foto: AJPlus)

A indignación polo racismo e as mortes violentas a mans das forzas de seguridade de persoas estadounidenses afroamericanas percorre os EUA ao facerse públicas, a última hora do domingo, as imaxes das cámaras dos axentes que o pasado 27 de xullo acabaron coa vida de Jayland Walker, un rapaz de 25 anos desarmado ao que dispararon máis de 60 veces en poucos segundos, recoñeceu o xefe de Policía de Akron (Ohio), 
Steve Mylett.

Pouco despois, varios milleiros de persoas dirixíronse cara á sede da Policía local para protestar polo acontecido. Stacey Jenkins, pastor da comunidade, afirmou tras ver as imaxes que "case que semella unha práctica de tiro, unha execución", recolle o Akron Beacon Journal. Durante a mobilización, as forzas de seguridade lanzaron bombas lacrimóxenas para dispersar a xente que protestaba diante do tribunal municipal.

"Os negros seguen sendo asasinados pola Policía cunha regularidade alarmante e cunha persistente falta de responsabilidade", denunciou con relación ao caso Black Lives Matter, que reclama "desmantelar este sistema que rouba as vidas e a alegría dos negros desde a fundación 
deste país".

Axentes suspendidos con permiso retribuído

Ás 12 e media da noite, Jayland Walker era parado nun control policial en Akron por unha multa de tráfico, non tiña antecedentes penais. Cando lle comunicaron que por este motivo sería detido, tratou de escapar co coche, mais tras avanzar uns metros abandonou o vehículo e seguiu fuxindo a pé; aos poucos segundos xa fora abatido pola Policía após recibir os tiros de oito axentes, suspendidos con permiso retribuído durante 
as pescudas.

Apenas 24 horas antes acontecéralle o mesmo en New Franklin, pero ao non estar acusado de ningún delito grave deixárono ir, "un departamento acertou e foise a casa e durmiu na súa propia cama, entón temos esta segunda parada e foi ao cadaleito", laiouse nos Angeles Times Bobby DiCello, avogado de dereitos civís que representa a familia Walker.

Nos últimos anos, moitos departamentos de Policía no país reduciron as situacións nas que os axentes poden participar nunha persecución de vehículos, polos riscos inherentes que presenta.

A Policía de Akron xustificou a súa actuación en que os axentes escoitaran un disparo desde o coche -que a familia nega e non aparece no vídeo-, e que durante a persecución a pé Walker fixo "xestos" de sacar unha arma. Con todo, Mylett admitiu que nas imaxes non se podía apreciar esa conduta, así como que estaba desarmado.

Ademais do caso de George Floyd en 2020, que provocou as maiores protestas en décadas para exixir que se respectasen os dereitos e as vidas das persoas afroamericanas, ao longo destes últimos anos multiplicáronse as denuncias en contra da Policía.

Hai menos dun mes, o Departamento de Xustiza dos Estados Unidos abriu unha investigación contra a Policía Estatal de Luisiana tras facerse públicas múltiples probas de agresións que revelan un patrón de encubrimento de malleiras dos axentes a persoas maioritariamente afroamericanas, incluída a detención que acabou coa vida de Ronald Green en 2019.

Unha cultura das armas que deixa 40.000 mortes ao ano

Até esta segunda feira, morreron por armas de fogo nos Estados Unidos 22.272 persoas en 2022. Cada ano, arredor de 40.000 persoas falecen por esta causa. Nos datos de Gun Violence Archives saliéntase ademais que se producen uns 600 tiroteos masivos anuais, como o que aconteceu en maio deste ano nunha escola en Uvalde (Texas), que provocou a morte de 22 persoas (incluído o tirador), e que está impulsando certo control das armas no país.

Comentarios