A África subsahariana, libre de polio despois de catro anos sen contaxios

A OMS fixo o anuncio oficial da certificación "libre de virus" para esta rexión africana, que non inclúe algúns países subsaharianos, como Somalia ou Sudán do Sur.
polio_oms
photo_camera Unha vacina, descuberta na década de 1950, erradicou a polio en Europa e América (who.int)

A Organización Mundial da Saúde (OMS) declarou á gran maioría de países da África subsahariana como libres do poliovirus salvaxe, o causante da poliomielitis, catro anos despois de se detectar no nordeste de Nixeria o último caso.

"Hoxe estamos a celebrar outro triunfo da saúde pública: a erradicación do poliovirus salvaxe en África. Este é un logro incríbel e un motivo ansiado de celebración", manifestou o director xeral da OMS, Tedros Adhanom Ghebreyesus, durante unha reunión virtual de ministros de Sanidade africanos.

Nesa mesma reunión, Tedros e a directora africana da OMS, Matshidiso Moeti, fixeron o anuncio oficial da certificación "libre de virus" para a rexión africana, que non inclúe algúns países subsaharianos, como Somalia ou Sudán do Sur.

40 anos da varíola

"Este será un tremendo fito para África. Supón só a segunda erradicación dun virus no continente desde a varíola hai 40 anos. Agora, as futuras xeracións de pícaros africanos poden vivir libres do poliovirus salvaxe", anticipou Moeti.

"Grazas aos incansábeis esforzos dos Gobernos, dos doadores, dos traballadores sanitarios en primeira liña e das comunidades, até 1,8 millóns de crianzas salváronse dunha parálise permanente", manifestou a OMS nun comunicado.

O anuncio deixa á rexión do Mediterráneo oriental ─que inclúe o norte de África, Oriente Próximo e países até o Paquistán─ como a única do mundo con casos de poliomielitis, unha enfermidade infecciosa, causada por un virus, que non ten cura.

Os síntomas inclúen febre, fatiga, vómitos e dor de cabeza. Tamén pode chegar a causar, nalgúns casos, parálise nas extremidades. Unha vacina descuberta na década de 1950 erradicouna en Europa e América.

Comentarios