O AECT Rio Minho critica Antonio Costa por visitar 'a raia' sen ofrecer compensacións polo fechamento transfronteirizo

O vicedirector do Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) Rio Minho, Uxío Benítez, lamentou que o primeiro ministro portugués visitara o entorno do Miño sen chegar con propostas de apertura da fronteira. Ou polo menos ideas para compensar polas perdas económicas derivadas desta clausura temporal de pasos nunha zona que comparte servizos e mercado de traballo, entre outras cuestións.

O primeiro ministro portugués, nunha imaxe de arquivo. (Foto:  Pedro Fiuza / Zuma Wire / Dpa)
photo_camera O primeiro ministro portugués, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Pedro Fiuza / Zuma Wire / Dpa)

Após meses de protestas dos distintos municipios e cámaras da 'raia' polos problemas económicos, laborais e sociais causados polo fechamento das fronteiras pola Covid-19 sen ter en conta as particularidades da contorna, hoxe o primeiro ministro luso, Antonio Costa, estivo de visita pública na zona. No entanto, desde o Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial (AECT) Rio Minho lamentaron que non fose para anunciar solucións para unha situación que se alonga no tempo e que dificulta a vida diaria de centos de persoas.

Costa acudiu á comarca para anunciar o tren eléctrico que vai conectar Valença e Lisboa en menor tempo, mais o vicedirector da AECT, Uxío Benítez, recordoulle a realidade que padece a veciñanza a ambos lados do río.

“Está moi ben ter un tren electrificado até Lisboa, pero agora nin podemos ir entre Valença e Tui”, destacou, deixando ver o malestar que existe entre a representación política de concellos e cámaras, mais tamén entre a cidadanía.

Desde o punto de vista de Benítez, o acto de Costa tería que ir aparellado dalgún anuncio sobre a reapertura das fronteiras en termos de normalidade ou sobre unha liá de “compensacións polo fechamento”.

Sobre o argumento que forneceu o primeiro ministro de Portugal para non abrir 'a raia' -que iso implicaría abrir a fronteira con toda España, incluíndo os lugares onde a incidencia da Covid-19 é moito máis alta- dixo que se tratou  das desculpas de sempre”.

Pola contra, o deputado nacionalista insistiu en que o territorio miñoto ten unha singularidade propia con respecto ao resto da fronteira entre España e Portugal, xa que asume o 50% dos tránsitos de vehículos a pesares de ter apenas o 5% da lonxitude total.

Falta de controis para confirmar os argumentos

“Non se esixe nin unha PCR, nin se toman temperaturas, nin nada relacionado coa saúde. É un sinsentido sobre todo agora que se está a abrir a economía nos dous países e que se permite unha maior mobilidade. É unha cuestión de sentido común abrir este territorio”, remarcou.

Ao seu parecer “é absurdo volver impoñer unha fronteira administrativa de novo por un suposto control sanitario que non é tal”. Ademais, considera que “con este feche estanse a perder todos os avances acadados para salvar a fronteira grazas á cooperación transfronteiriza”, insistiu.

Comentarios