Segunda semana de protestas

“Admiro a cultura reivindicativa de Francia”

Nunha nova xornada de mobilizacións pola reforma das pensións, a cidadanía francesa maniféstase masivamente esta terza feira, 17 de decembro. Sara Gómez e Manuel Simón, profesora lucense e enxeñeiro informático vigués, están a vivir a situación en primeira persoa.
macron_rei
photo_camera O Goberno de Macron está a sufrir o desgaste das continuas mobilizacións en Francia [Europa Press]

A galega Sara Gómez, profesora de secundaria nun instituto parisiense, non foi traballar esta terza feira, 17 de decembro. Neste caso non pola imposibilidade de chegar ao seu posto como consecuencia dos paros no transporte público, senón pola xornada de folga no ensino ─e noutros sectores─ que volveu paralizar Francia unha vez máis. 

Sara non só secundou o paro ─que se repite cada terza feira─, tamén mostra a súa “admiración” pola “conciencia reivindicativa” da cidadanía francesa. “Teñen unha cultura da folga diferente”, sinala, e engade: “Están seguros da súa causa e até que o Goberno sente a negociar non van parar”.

Será esta cuarta feira que o Executivo dea ese primeiro paso forzado polas mobilizacións e os paros sectoriais. O primeiro ministro francés, Edouard Philippe, convocou os sindicatos e a patronal para as 14.30 horas co fin de manter unha primeira reunión de traballo bilateral sobre a polémica reforma das pensións.

Un día despois manterá unha “reunión multilateral” ás 16 horas e posteriormente recibirá os directores das compañías de transporte público “para facer un balance dos resultados do diálogo iniciado”, apuntou a súa oficina de prensa.

Desgaste e cansazo

A situación está a causar unha forte erosión no Goberno do presidente Emmanuele Macron, desgastado xa  pola mobilización desde hai máis dun ano dos chamados coletes amarelos, que protestan pola suba no prezo dos combustíbeis, a perda de poder adquisitivo e a inxustiza fiscal. Mais tamén ─sinala Sara, lucense residente en Palaiseau, ao sur de París─ “a xente está a acumular un grande estrés” e comézanse a notar signos de “cansazo”.

Porque manter alto no tempo o nivel de intensidade dunha mobilización é case imposíbel. Máis aínda nunha cidade das dimensións da capital francesa, cos seus vinte arrondissements, onde a ausencia ou carencia do transporte público fai case inviábel a mobilidade. Sara explica que necesita coller o tren tres horas antes do habitual para poder chegar ao seu posto de traballo, e tres horas despois do habitual para poder regresar á casa. Ambos os dous completamente cheos. “En París hai pelexas para entrar”, asegura.

folga_francia

Unha situación que, por outra banda, está a ser aproveitada por compañías privadas de transporte como Uber, que non obstante desactivou a opción de contratar viaxes programados con antelación. A folga para estas empresas está a ser unha beizón. “Non dan abasto”, di Sara, que prognostica que a situación de folga no transporte público e de mobilizacións nas rúas vaise estender cando menos “até o Nadal”. 

Porque nunha sociedade que se preza de traballar e pagar impostos a medida gobernamental está a causar un malestar xeneralizado na sociedade. Segundo as últimas enquisas, perto de 70% da cidadanía apoia as mobilizacións contra a reforma das pensións.

O vigués Manuel Simón Novoa, enxeñeiro informático nunha compañía parisiense, certifica no seu entorno laboral esta maioría que “entende” as protestas contra unha das medida estrelas do programa de Goberno de Macron. Entre outros matices, explica Manuel, coa reforma pasarase a calcular a pensión facendo a suma de todos os anos traballados e non só daqueles onde o salario foi maior, o que supón “pensións máis baixas”. Tamén, outro dos medos é que se adíe a idade de xubilación.  

Problemas de mobilidade

Os sectores máis afectados son o da educación ou o sanitario e, en xeral, o sector público. E especialmente o do transporte, nomeadamente o ferroviario, de aí o gran seguimento da folga.

folga_francia2

A respecto desta situación de mobilidade ─ou a súa imposibilidade─, Manuel explica que os grandes problemas están nos desprazamentos cara ao centro de París nos RER (Réseau Express Régional, os comboios de proximidade parisienses). 

“Hai que facer transbordos porque as liñas non están completas e é complicado coller calquera tren”, xa que ─explica─ “as entradas ás plataformas están limitadas polos propios traballadores” da compañía. 

Confesa, non obstante, que el é “afortunado” xa que no seu traxecto diario ao lugar de traballo non se ve tan afectado (combina o bus co camiñar). Porén, hai uns días regresou ás 22.30 dunha viaxe en avión e a falla de trens obrigouno a quedar a durmir no aeroporto.

Comentarios