O adeus de Gerry Adams? Sinn Féin prepara un “cambio ordenado de liderado”

Presidente do partido republicano desde 1983, Adams preséntase á reelección na conferencia de novembro. Se é reeleito, dixo, impulsará un “proceso de mudanza xeracional” á fronte da organización.

Gerry Adams
photo_camera Gerry Adams

O Sinn Féin ten sobre a mesa un plan para un “cambio ordenado de liderado”, segundo recoñeceu Gerry Adams, presidente do partido republicano. Unha folla de rota en cuxa elaboración tivera un papel protagonista Martin McGuinness, falecido en marzo, e que contemplaba un período de dez anos para que o proceso de renovación concluíse. O propio Adams recoñece que a proposta “foi foco de moita discusión interna” no Sinn Féin.

Adams preséntase á reelección na conferencia de novembro. De saír eleito, anunciou, debullaría o proceso “de cambio xeracional no partido”. Nos últimos anos, históricos dirixentes do republicanismo foron deixando sitio a novas voces, como a de Michelle O´Neill, mais Adams mantense na presidencia do SF, posto que ocupa desde 1983.

Mary Lou McDonald, dirixente republicana, incidiu en que independentemente de quen ocupe a presidencia, o importante é que o Sinn Fein sexa "o vehículo para unha política progresista, para os traballadores do norte e do sur, para a unidade de Irlanda".

Con 68 anos de idade, Adams está a preparar o cambio á fronte do partido cuxa vicepresidencia ocupou en 1978 e presidencia en 1983. Rostro visíbel dunha nova xeración republicana que adoptou decisións que derivaron en cambios de calado non só no SF e no republicanismo senón na política irlandesa. En 1986, e baixo a batuta de Adams, o Sinn Féin abandonaba o seu ‘abstencionismo’ e pasa ocupar os escanos que obtiña electoralmente no parlamento irlandés e norirlandés. Tradicionalmente, o SF non recoñecía a soberanía destas Cámaras por ser froito da ‘partición’ da illa. Esta decisión de participar levou a unha escisión no SF, o Sinn Fein Republicano. 

Comentarios